'Con-Vivencia(s): Acompañando na Crianza', xornadas para familias en Allariz

O Concello de Allariz presenta un completo programa de actividades divulgativas, formativas e de tempo de lecer compartido pensadas para coidar e forzalecer os lazos afectivos na familia. As actividades realizaranse os días 4, 10, 11, 12 e 15 de maio.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 30/04/2024 | Actualizada ás 20:35

Comparte esta noticia

A concelleira de Benestar Social xunto coa Educadora Familiar do Concello de Allariz presentaron este luns 29 de abril as II Xornadas para Familias baixo o lema: "Con-vivencia(s): Acompañando na Crianza". Estas xornadas terán lugar do 4 ao 15 de maio no Fogar dos Maiores, "nun esforzo conxunto por fortalecer os lazos familiares e promover o benestar integral das familias da nosa comunidade", comentan dende o concello.

Uxía Fernández e Tania Álvarez na presentación das xornadas. Foto: Comunicación Concello de Allariz.
Uxía Fernández e Tania Álvarez na presentación das xornadas. Foto: Comunicación Concello de Allariz.

En palabras da concelleira de Benestar Social, Tania Álvarez, “A participación das familias é fundamental para facer destas xornadas un éxito, como xa foi o ano pasado”.

Pola súa banda, a educadora Uxía Fernández explicaba a dinámica das xornadas desta edición, “xuntos, exploraremos diversas temáticas relacionadas coa crianza e a convivencia familiar, compartindo experiencias, aprendendo novas ferramentas e reforzando a unión que nos une como familias. Estas Xornadas representan unha oportunidade única para crecer como comunidade, apoiándonos mutuamente no camiño da crianza e o desenvolvemento familiar”.

PROGRAMACIÓN

Sábado 4 de maio:

  • 11:00 Inauguración das Xornadas: Contaremos coa presentación a cargo de Tania Álvarez Ayán, concelleira de Benestar Social, e Uxía Fernández Cordeiro, Educadora Familiar.
  • 11:30 Taller de Música, Contos e Danza: Impartido por Getse Valenzuela, mestra especialista en música. Dirixido a nenos e nenas de 2 a 8 anos. Lugar: 2º andar do Fogar dos Maiores. Será precisa inscrición previa.

Venres 10 de maio:

  • 18:00-19:30 Charla "Novos Retos Acompañando Adolescencias": Con Vanesa Pousada, Psicóloga Xeral Sanitaria, Psicopedagoga e Sexóloga. Lugar: 2º andar do Fogar dos Maiores. Será precisa inscrición previa.

Sábado 11 de maio:

  • 11:00-12:30 Charla "Etapas Evolutivas dos Nenos e das Nenas na Infancia e a Adolescencia": Impartida por Raquel Penín Devesa, Psicóloga e Psicopedagoga. Lugar: 2º andar do Fogar dos Maiores. Será precisa inscrición previa. Haberá servizo de canguraxe dispoñible.

Domingo 12 de maio:

  • 11:00-13:30 Xincana en Familia: Un percorrido por varios puntos da vila, onde as familias terán que ir superando diferentes retos. Comezo no Xardín do Fogar dos Maiores. Será precisa inscrición previa.

Mércores 15 de maio "Festa do Día Internacional das Familias":

  • 17:30 Piquenique: ¡Vén merendar en familia! Trae a túa manta e desfruta dunha merenda no Xardín do Fogar dos Maiores.
  • 18:00 Festa das Familias: "Déixalle ao DJ", espectáculo de teatro e música para toda a familia a cargo de A Run Run, con Eva Tato e Galicia Gutiérrez. Lugar: Xardín do Fogar dos Maiores. Duración: 50 minutos.

Para ampliar información e anotarse hai que contactar co Fogar dos Maiores ou chamar aos teléfonos seguintes: 988 55 40 59 / 683 61 46 91.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta