As mentiras do relato da transición democrática

Oscar Alzaga ,que foi deputado da UCD, é autor dun libro titulado “La conquista de la transición, 1960-1978)”, no que narra curiosas vicisitudes política daqueles anos tan convulsos. Foi un período histórico nos que os desmáns protagonizados pola Brigada Política-Social encargada de reprimir á oposición provocaron centos de mortos a mans das forzas represivas e organizacións parapoliciais.

Por Xosé Glez. | Vigo | 03/05/2024

Comparte esta noticia
Ao respecto hai algunha bibliografía merecente de ser consultada. Por exemplo, o libro de  Pablo Alcántara  “La secreta de Franco”, no que se relatan migalleiramente os método empregadas cos detidos para tirarlles confesión con aberrantes torturas. Antonio Batista noutra obra, “La Brigada Social”, abunda nos mesmos relatos, centrándose na figura dun daqueles asañudos torturadores, Antonio Juan Creix. Na miña biblioteca hai dúas autobiografías que non tiveron apenas divulgación, porque son autoedicións de dous cualificadores represores: “José Ramón Piñeiro.Comisario General Brigada Político Social”, e “Testimonios de un policía español”, de José Sainz Gonzalez. A  lectura dos seus desvergonzados relatos producen arrepíos.
 
Os que militamos na oposición tivemos a desgraza de padecer os procedementos utilizados polos policias da chamada  “Brigada Político-Social”. Sicópatas os máis deles, que realizaban os seus sádicos labores case sempre baixo os efectos do moito alcol que consumían durante os longos interrogatorios aos detidos.
 
Oscar Alzaga di no seu libro que o ministro Martín Villar deu a orde de queimar millóns de documentos policiais sobre a sistemática represión da oposición democrática.  A desaparición deses atestados e informes policiais serían de moita utilidade para coñecer a violencia desatada con tal impugnidade, afirmando que “ somos o único país de Europa onde se cometeu tal barbaridade. Os informes da policía política da Alemania Nacional Socialista, da Italia fascista, do  Portugal salazarista ou da Grecia con ditadura militar...conserváronse”.
 
Eu teño fundadas conviccións de que moitos deses expedientes policiais non foron queimados; foron substraidos das comisarías e cuarteis da Garda Civil por moitos daqueles nefastos axentes da represión, que quixeron gardalos para utilizalos segundo os intereses de cada momento. Moitos deses documentos servíronlles ás bandas parapoliciais   para elaborar relacións amplísimas de persoas ás que deter e fusilar caso de ter triunfado o golpe militar do 23-F, enre os que figuraba eu. 
 
O meu caso, coma outros, serve de exemplo.  Gerardo González Martín,á sazón correspondente de El Pais, publicaba neste medio unha peza correspondente á edición do 20 de outubro de 1977 na que dicía: “Un vecino de vigo, Xosé González, denunciou nun xulgado de Guardia de Vigo a dous policías por abuso de autoridade, ao teren rebasado o límite da fronteiras con Portugal, procedendo a súa detención por pesar sobre el unha  orde de busca e captura ditada en agosto de 1975”, cando esta deixara de ter efecto por mor da lei de amnistia de 1976. 
 
Un día recibín  a visita dun vello amigo, a quen lle perdera a pista habia anos, e do que ignoraba que fose garda civil, integrado ademais no Sindicato Clandestino de dito corpo policial. Púxome ao tanto de que o capitán do Servizo de Información da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, dirixía un grupo de picoletos dedicados a fustigarme. Axiña me decatei de que os que me chamaban por teléfono a calquera hora da madrugada para ameazarme con matarme eran eles,os mesmos que tamén forzaron as porta do meu automóbil en dúas ocasións deixando ciscando no chan a documentación do mesmo. Coa mesma teimosía actuaban algúns membros da Brigada Político-Social da Comisaría de Vigo, os mesmos que en agosto de 1975 estando detido naquelas dependencias leváronme á praia de Alcabre para faceren un amago de “paseo” empuñando as súas pistolas, xa que coas súas torturas non me quitaran ningunha información
 
A primeira semana de maio de 1984 fun detido co mesmo argumento da orde de busca e captura nun céntrico hotel de Barcelona, cidade á que acudín para pronunciar unha conferencia na Escola de Administració Pública de Catalunya. A intervención de Virginio Fuentes, Gobernador Civil de Pontevedra, fora decisiva para a miña liberación. Días depois déulle orde ao comisario-xefe de policía, Jorge Mosquera, para darme explicacións do acontecido, que non foron do meu agrado. O exalcalde  de Redondela de entón estivo presente na reunión e el,que está vivo, pode dicir como interroguei a aquel torturador.
 
O relato histórico da chamada transición política foi edulcodorado presentándoo como modélico. Non é certo, porque houbo moitos asasinatos a mans das forza de seguridade e grupos parapoliciais. Un bo amigo de meu,comisario de policía,da década dos anos noventa, demócrata e galeguista, estivo nun tris de morrer por un paquete-bomba que lle enviaran os policías corruptos da comisaria;  a desconfianza salvoulle a vida.

Manifestación obreira en Ferrol o 10 de marzo de 1972, na que Amador Rey e Daniel Niebla foron asasinados pola Policía franquista.
Manifestación obreira en Ferrol o 10 de marzo de 1972, na que Amador Rey e Daniel Niebla foron asasinados pola Policía franquista.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xosé González Martínez Presidente do Foro E. Peinador e da Fundación Lois Peña Novo, secretario da Asociación de Funcionarios para Normalización Lingüística, da Irmandade Xurídica Galega e Asociación de Amigos do Couto Mixto.