Para mellor administrar o seu suceso nas eleccións europeas do 2014, Podemos decidiu non participar nas pasadas municipais apoiando en Galicia ( non en todos os casos e dende logo con desigual intensidade) a determinadas Mareas ou candidaturas de unidade cidadá. E, ao tempo, deseñou unha estrutura orgánica fortemente centralizada, que garantía todo o poder interno a un grupo pequeno e cohesionado en Madrid arredor de Iglesias, Errejón ou Bescansa, até o extremo de adoptar as decisións sobre as candidaturas ás xerais nunha votación a nível estatal. Das resultas destas decisións, enfraqueceu substancialmente o debate e a participación nas distintas estruturas internas. Mentres, a atención cidadá centrábase nun modelo de participación democrática moito máis horizontal: o das distintas mareas e candidaturas de unidade cidadá, que fornecían os requirimentos da xente de que non só mudasen as políticas, senón que se contase coa súa participación activa para esa remuda.
Mais Podemos esqueceu tamén a clave territorial, malia a valiosa proclamación do seu respecto á plurinacionalidade do Estado e, deste xeito, atopouse co rexeitamento do nacionalismo mallorquín de Mes e de dúas das principais forzas coaligadas no Compromís valencíá a partillar candidatura con eles. En Catalunya erraron na lectura da clave electoral, ficando diluídas nunha mensaxe confusa que moitos tentan sumar sen xeito na conta dos votos unionistas. Barcelona en comú, a candidatura que levou Ada Colau á Alcaldía, abstívose de adherir Podemos no pasado proceso electoral e agora ofrece unha ampla coalición, mais de soberanía estritamente catalá na que Podemos sexa unha peza importante, pero unha peza máis.
O de Galicia é aínda máis complexo. Seguirémosllo a contar moi axiña.