Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/05/2024 | Actualizada ás 11:00
Diferentes puntos da xeografía galega rexistraron na noite do pasado venres un fenómeno de auroras boreais que foi visible a latitudes moi baixas no hemisferio norte, incluída España, ao desencadearse unha treboada solar (xeomagnética). Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a aurora boreal (auroras polares do hemisferio norte) é un fenómeno de electricidade atmosférica (electrometeoro) "consistente nun fenómeno luminoso que aparece nas capas superiores da atmosfera en forma de arcos, bandas, cortinas, etcétera".
Explica que, ao contrario que os fenómenos meteorolóxicos habituais, fórmanse moito máis arriba da troposfera, normalmente a unha altitude de entre 90 e 150 quilómetros. "As auroras aparecen pola interacción entre o vento solar e o campo magnético da Terra. O vento solar é máis forte en momentos próximos á máxima actividade solar, que se produce en ciclos de entre 10 e 12 anos", conta a Aemet.
Actualmente, estase preto do máximo de actividade solar, polo que as auroras polares débense á presenza de partículas cargadas eléctricamente e exectadas desde o sol (o vento solar), as cales actúan sobre os gases enrarecidos das capas superiores da atmosfera. Así, desencadéase unha treboada xeomagnética, o que permite percibir auroras desde latitudes máis baixas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.