Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 17/05/2024 | Actualizada ás 22:00
Seguimos coñecendo máis disciplinas deportivas minoritarias en Galicia, pero que gustan e moito. "O rugby é un deporte de equipo e o obxectivo é chegar do teu campo ao do rival sen apoiar o balón e así conseguir puntos", sinala Sara López, xogadora e adestradora no equipo Tuxeleires, de rugby inclusivo. Xogan na modalidade de quince contra quince xogadores e xogadoras, aínda que a convocatoria sería de 23 persoas, "oito quedarían no banco". No seu caso, xoga no clube de Santiago e en Tuxeleires. "Este ano somos seis equipos femininos en rexional, cando antes eramos catro. Hai máis xente, pero non somos moitos os equipos", lamenta e comenta que para subir o nivel "é necesario competir máis e con máis xente".
Por que non hai máis demanda? Sara expresa que pode deberse ao prexuízo que existe arredor do contacto. "A xente desde fóra pensa que son golpes, pero noutros deportes, como fútbol ou baloncesto, tamén hai ese contacto e risco de moitas lesións", comenta. Neste sentido, cobra especial importancia a técnica e as "lesións son de xogo" como podería darse en calquera deporte. "Unha vez a xente vén probar, queda, case sempre é así", afirma.
Ver esta publicación en Instagram
Una publicación compartida por Galicia Confidencial (@galicia_confidencial)
Sara xa sabía desta disciplina porque amigos e compañeiros xogaban e sempre lle dicían que probase, pero ela respondía cun "non me meto aquí nin tola". Fai fincapé en que eran todos rapaces e que cando coñeceu a unha rapaza que xogaba rugby, animouna a probar e "ata aquí". Confesa que o primeiro día foi "terrorífico" porque chovía moito e non se lle paraba de caer o balón. Posteriormente, fixo un curso de adestradora e en Tuxeleires tivo a oportunidade de poñer en práctica todo o adquirido. "Ao principio foi raro porque habitualmente comézase adestrando aos máis cativos, por norma xeral, e eu comecei con xente máis maior ca min. Iso si, moi contenta", recoñece,
POR QUE RUGBY?
Antes de adentrarse no mundo do rugby, xogaba ao tenis e pasou dun deporte moi individual a outro no que o equipo é o máis importante. Así, ademáis do beneficio físico, tamén implica compartir con outros. "Non é soamente que vaias xogando co balón e fagas pases, aquí cando te placan ou placan a un compañeiro, ti tes que estar aí para seguir mantendo a posesión do balón", explica Sara. É así como se xeran "vínculos" polo feito de que cando alguén xa está no chan, hai que estar aí para axudar e continuar co xogo. No campo hai 15 posicións "que son moi distintas" e non se precisa un corpo específico máis aló de estar en forma para correr, caer e levantarse constantemente: "Hai oito dianteiros, que poden ser máis grandes ou máis pequenos; hai dúas posicións, que serían o medio de melé ou apertura, que dirixen o xogo; e logo a liña de tres cuartos, que serían os rápidos".
Como indispensable para garantir un futuro deste deporte, hai que apostar polas escolas de rugby, que segundo indica Sara, cada vez son máis grandes. "Sen categorías base, non hai categorías sénior, nótase cando alguén xa se forma desde as categorías inferiores, xa sabe como caer e como avanza", expón.
O RUGBY INCLUSIVO
Tuxeleires é un equipo de rugby inclusivo, onde todos e todas por igual practican esta disciplina e comparten tempo. "Paréceme un ambiente moi enriquecedor en todos os sentidos e para todo o mundo", confesa Sara da súa experiencia como adestradora e compañeira. Fai fincapé en que isto permite a persoas con algún tipo de discapacidade e sen ela "superarse cada día en diferentes aspectos, grazas ao rugby". Isto é a inclusión plena en sociedade coa finalidade de avanzar co balón e chegar ata o final: "Parece que a xente que ten discapacidade está nun centro para persoas con discapacidade e fan cousas con persoas que tamén están na súa mesma situación, porén está é unha maneira de que estean xogando ao rugby ao igual que estamos xogando nos".
O Galicia Confidencial estivo no último partido de rugby inclusivo no que xogaron Tuxeleires e o Crat de A Coruña onde gañaron todos, todos foron "campións". De feito, Sara menciona que un dos fitos actuais do rugby galego é o conseguido polo equipo feminino do Crat que milita na máxima categoría. Este domingo xógase a final da Liga DH Iberdrola, en División de Honra, e pode proclamarse campión.
¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- E se conseguimos empregar os videoxogos en prol da saúde dos nenos no canto de criminalizalos?
- O deputado do PP Pablo Prieto renuncia ao escano no Parlamento para presidir a Federación Galega de Fútbol
- O Goberno confirma eleccións á RFEF se "se ratifica" a condena a Louzán por prevaricación
- Vía libre para a cidade deportiva do Celta en Mos tras un acordo histórico entre clube e comuneiros de Tameia
- Máis do 50 % do alumnado deixa de realizar actividade físico-deportiva na ESO, que está acontecendo?
- Rey Varela insta ao máximo accionista do Racing de Ferrol a reconsiderar a construción da cidade deportiva fóra da urbe