Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/05/2024 | Actualizada ás 15:55
A Consellería de Educación, Ciencia, FP e Universidades reuniu este xoves á xunta autonómica de directores no marco da súa rolda de contactos coa comunidade educativa en torno ao libro dixital 'E-Dixgal', unha ferramenta voluntaria que empregan máis de 600 centros en Galicia. Con carácter xeral, os directores apoian a continuidade dos programas de ensino dixital, pero si botan en falta maior oferta de contidos, maior flexibilidade e unha mellor seguridade nos dispositivos que empregan os alumnos.
Así o explica a Europa Press o portavoz da Federación de Directores de Centros Públicos de Galicia, Francisco Lires, quen insiste en que "a educación non pode estar de costas aos avances dixitais". De tal maneira, nesta reunión co secretario xeral técnico da Consellería, Manuel Vila, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, expuxéronse "melloras".
Segundo explica Lires, os representantes deste departamento da Xunta sinalaron que, por agora, "non hai ningunha evidencia" de que o emprego do libro dixital leve unha perda de competencias en lectoescritura ou en cálculo. Ademais, este director destaca as "vantaxes" do programa 'E-Dixgal', por exemplo que permite "superar" a fenda dixital entre distintas familias ao entregarse portátiles aos estudantes que estudan con esta ferramenta.
De feito, considera que para os propios alumnos é "moito máis motivador". Así mesmo, este programa "non exclúe o traballo" con medios máis tradicionais como os libros físicos e os cadernos. "Creo que ten que ser algo complementario", agrega. Por tanto, Lires minimiza o impacto de que varios centros decidisen abandonar 'E-Dixgal' nas últimas semanas e desvincúlao do debate en torno ao uso dos móbiles nos colexios e institutos.
REUNIÓN COAS ANPAS
Os representantes da Consellería de Educación tamén se reuniron, o mércores pola tarde, coas principais federacións de Anpas de Galicia, que lles transmitiron o seu desacordo con dar pasos atrás na dixitalización do ensino. Por exemplo, á Confederación Anpas Galegas trasladaron a súa preocupación pola polémica xurdida sobre o funcionamento deste proxecto, o que interpretan como "a evidencia" dunha serie de "carencias e problemas" que é preciso resolver.
A súa proposta "non é dar un paso atrás", dado que consideran que "iso non é unha solución". De feito, ven necesario que o ensino "evolucione ao mesmo ritmo que a sociedade no ámbito dixital, dun modo seguro e cun proxecto compartido por todas as partes" que integran a comunidade educativa. "Puxemos encima da mesa a falta de información ás familias sobre o funcionamento do programa e tamén de toda a comunidade educativa", explicaron, antes de incidir en que tamén ven relevante facer o seguimento do proxecto, "medida necesaria para poder solucionar os problemas que xurdan".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.