Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/05/2024 | Actualizada ás 17:49
A portavoz de Facenda do BNG, Noa Presas, acusou ao PPdeG de bloquear a Comisión do Consello de Contas do Parlamento que, segundo denunciou, leva máis dun ano sen reunirse e acumula máis de 25 informes remitidos polo órgano fiscalizador e pendentes de avaliación. "É unha mostra máis da falta de transparencia da Xunta e do menosprezo ao Parlamento de Galicia e ao propio Consello de Contas", reprochou antes de destacar que é un deber dos grupos avaliar os informes do Consello "sobre temas tan importantes como as contas do Sergas, a xestión de fondos europeos ou as peaxes na sombra".
Para a deputada nacionalista, é "escandaloso" que os populares non activasen esta comisión. Destaca ademais que está pendente o debate e aprobación da Conta Xeral do 2021, remitida polo ente fiscalizador en xullo do ano pasado, e a correspondente a 2022. Así, Noa Presas asegurou que este "bloqueo" responde o interese do PP de "ocultar información" á Cámara galega "co obxectivo de que non se vexa a chapuza da súa xestión".
"Falan moito de rexeneración democrática pero despois impiden que haxa transparencia", censurou despois de lembrar que rexeitaron no Parlamento a creación dunha comisión de investigación sobre "os contratos de emerxencia, sen contrato público, licitados pola Xunta durante a pandemia".
Ademais da fiscalización do impacto da pandemia no ámbito da contratación do Sergas, os nacionalistas lembran que tamén están pendentes de avaliar os informes sobre as achegas da Xunta á sanidade privada ou as autovías "con peaxes na sombra". Neste contexto, Presas avanzou que o BNG rexistrará no Parlamento a petición formal para que se convoque este órgano. "O compromiso do Bloque é coa transparencia, o rigor e co traballo que nos encomendaron os galegos e as galegas como líderes da oposición", aseverou a deputada do BNG.
ANA MIRANDA
Por outra banda, a candidata do BNG ás eleccións europeas, Ana Miranda, defendeu a necesidade de implantar un Estatuto Europeo do Artista para "evitar discriminacións" entre os diferentes estados. Nunha visita ao Festival de Monicreques de Redondela, a nacionalista reivindicou que a voz do Bloque en Europa é "fundamental" para que os artistas galegos teñan "os mesmos dereitos que os artistas belgas", de forma que o Estatuto Europeo do Artista inclúa todo tipo de artes.
Así, a eurodeputada galega incidiu en que, no caso de Bélxica, "os artistas contan cun salario establecido e negociado polo estado". Neste sentido, puxo en valor que foi o grupo parlamentario da Eurocámara no que está incluído o BNG o que lanzou esta iniciativa a nivel europeo. "Xa que o debate non está finalizado, alcanzar este estatuto será un dos retos da próxima lexislatura", destacou a eurodeputada do Bloque.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.