Colexio de Xornalistas pide que a nova lei de medios públicos garanta o seu servizo público

Presentaron a través do Portal Portal de Transparencia da Xunta as súas achegas para a realización dunha nova lei de servizos dos medios públicos de Galicia.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/05/2024 | Actualizada ás 17:29

Comparte esta noticia

A xunta de goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia presentou as súas achegas, a través do Portal de Transparencia da Xunta, á consulta pública aberta pola Secretaría Xeral de Medios para a realización dunha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital.

O Colexio, como entidade que ostenta legalmente a representación dos xornalistas da Comunidade, apunta no documento presentado que, en consonancia co recentemente aprobado Regulamento Europeo sobre a Liberdade dos Medios de Comunicación, a redacción dunha nova normativa "non debe supor ningún retroceso nos avances conseguidos nestas décadas" e indica algúns aspectos que debería recoller o texto.

En concreto, os puntos que o CPXG considera esenciais para a nova lei son o "reforzo" do carácter público da CRTVG; a garantía de que a Corporación contará coa estrutura, dimensión e recursos orzamentarios e humanos necesarios para cumprir coas súas funcións; e "a salvagarda do cumprimento da función de servizo público".

Tamén reivindica "a promoción activa da igualdade" entre mulleres e homes; o establecemento de procedementos e mecanismos para garantir a independencia editorial; a creación dun estatuto profesional e do Consello de Informativos; a posta en marcha de órganos de control externo como o Consello Superior do Audiovisual de Galicia; e a implantación de medidas para garantir a estabilidade do persoal, así como o recoñecemento do motor que os medios públicos representan para a produción e innovación do sector audiovisual galego. O Colexio reivindica, nun comunicado, que, de acordo co papel que xoga na sociedade galega, prestou ao longo de toda a súa historia "unha especial atención á situación da radio e a televisión públicas de Galicia".

Redacción da CRTVG, en San Marcos
Redacción da CRTVG, en San Marcos | Fonte: CRTVG - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta