Condenado a 18 anos por gravar e difundir vídeos sexuais de mulleres sen o seu consentemento

A sección segunda da Audiencia Provincial de Ourense considerouno culpable de grooming, exhibicionismo e captación de menores entre outros delitos.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 20/05/2024 | Actualizada ás 17:30

Comparte esta noticia

A sección segunda da Audiencia Provincial de Ourense condenou a 18 anos e medio de cárcere a un home por publicar en Internet vídeos de contido sexual de dúas exparellas, de dúas compañeiras de traballo e dunha menor de idade á que enganou. A Sala considerouno culpable de delitos de descubrimento e revelación de segredos, de grooming sobre unha menor, de exhibicionismo, de captación de menores de 18 anos con fins de elaborar material pornográfico e de distribución de pornografía infantil. Os maxistrados, ademais, impuxéronlle o pago de indemnizacións ao catro vítimas, as cales suman 19.000 euros.

O tribunal considera probado que o acusado, entre abril e maio do 2020, compartiu imaxes sexuais e vídeos de prácticas sexuais dunha das mulleres, coa que mantivera unha relación sentimental en 2017. Esas imaxes, tal e como destaca a Sala, obtívoas "sen coñecemento da afectada" e foron distribuídas sen a súa autorización. Os maxistrados tamén consideran probado que, nas mesmas datas, compartiu imaxes e vídeos de contido sexual da súa exmuller, coa que mantivo unha relación sentimental entre os anos 2000 e 2014. Do mesmo xeito que no caso anterior, obtívoas sen coñecemento da vítima e foron divulgadas sen a súa autorización, ao ignorar a súa existencia. O tribunal explica que, neste caso, trátase de imaxes captadas cunha cámara oculta instalada no cuarto de baño do domicilio e de fotos tomadas directamente á vítima.

A Audiencia Provincial de Ourense tamén relata que o acusado, nunha data non determinada, pero en todo caso entre os anos 2012 e 2016, instalou unha cámara oculta nos baños da empresa na que traballaba "co obxecto de descubrir a intimidade das súas compañeiras de traballo". Como consecuencia diso, gravou a dúas traballadoras en varias ocasións cando estaban no baño da empresa.

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia
A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia | Fonte: Europa Press

"Co fin de satisfacer os seus máis deostados instintos sexuais, en febreiro do ano 2019, púxose en contacto pola rede social Instagram e por e-mail cunha menor de idade, nacida en 2003, con pleno coñecemento da idade da mesma", indica a Sala no apartado de feitos probados da resolución, na que subliña que "se fixo pasar por unha nova venezolana do mesmo sexo, de 19 anos, residente entre Estados Unidos e Panamá e foise gañando a súa amizade ata o punto de que a menor pensaba que tiña unha relación sentimental con ela". Todo iso co obxectivo de que lle enviase fotografías de contido sexual para compartilas. Nun grupo de Telegram, segundo sinala na sentenza, o acusado chegou a solicitar que lle enviasen un audio con voz de muller ao obxecto de enganar á menor para que mandase fotos espida.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta