O novo plan de residuos industriais da Xunta prevé mobilizar case 75 millóns ata 2030

O Goberno galego dará tamén axudas para fomentar o uso de envases reciclables.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/05/2024 | Actualizada ás 19:57

Comparte esta noticia

O Goberno galego aprobou este luns de maneira definitiva o novo plan sectorial de xestión de residuos industriais de Galicia (Priga), que prevé unha mobilización de case 75 millóns de euros --21 millóns serán inxectados pola propia Xunta-- ata o ano 2030. O obxectivo, tal e como explicou en rolda de prensa o presidente autonómico, Alfonso Rueda, será fomentar que as empresas avancen en transición enerxética e economía circular, á vez que se reduce a cantidade de lixo industrial, sobre todo a que "ten a consideración de perigosa".

O plan ten un total de 40 medidas. Unha delas será a creación dun servizo de economía circular nos próximos meses que, entre as súas funcións, terá ofrecer apoio profesional gratuíto e formación ao sector industrial e aos xestores de residuos en asuntos como a dixitalización e a sustentabilidade dos procesos produtivos.

Ademais, a Xunta convocará cinco liñas de axudas por 2,9 millóns de euros, entre elas unha para o emprego de envases reciclables; outra para instalar talleres mecánicos e centros de despezamento para a venda de segunda man; e outra para o desenvolvemento de proxectos de I+D con residuos como pas de aeroxeradores, baterías eléctricas e paneis solares. A través de todas estas accións que recolle o plan, perseguiranse obxectivos como reducir polo menos nun 15 por cento na xeración de residuos industriais con respecto a 2010.

Planta de reciclaxe de envases lixeiros
Planta de reciclaxe de envases lixeiros | Fonte: GIAHSA - Europa Press. - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta