Dous anos e tres meses de cárcere por vender a hospitais xel hidroalcohólico que fabricaban con augardente

Os procesados chegaron a un acordo de conformidade polo que admitiron os feitos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/05/2024 | Actualizada ás 13:42

Comparte esta noticia

A sede compostelá da Audiencia Provincial da Coruña acolleu este martes a vista contra dous homes acusados de vender a hospitais e farmacias xel hidroalcohólico que fabricaban eles mesmos mesturándoo con augardente. Os procesados chegaron a un acordo de conformidade polo que admitiron os feitos e aceptaron dous anos e tres meses de prisión, aínda que quedou en suspenso, así como o pago dunha multa. Os feitos remóntanse aos meses da pandemia, cando os acusados "coñecendo a escaseza e demanda do produto puxéronse de acordo para aproveitarse desa situación", apunta a Fiscalía.

Así, elaboraron un xel hidroalcohólico, sen estar autorizados, co "ánimo de ilícito beneficio e con plena conciencia de que faltaban á verdade" no contido do produto. O xel carecía do mínimo esixible de etanol (70%), que os acusados substituían por augardente co consecuente perigo para a saúde dos usuarios do produto.

Para iso, empregaban un "laboratorio clandestino" nunha nave avícola situada en Boiro na que fabricaban, etiquetaban e almacenaban o xel xa preparado para ser distribuído. Nas actuacións policiais de investigación interviñeron un total de 6.000 litros de xel e na nave avícola había uns 400 litros do mesmo produto.

Os acusados, que admitiron os feitos, foron condenados a 21 meses de prisión por un delito continuado de estafa, así como a seis meses de cárcere por un delito contra a saúde pública. Por este último delito deberán pagar tamén unha multa de 720 euros cada un, así como devolver as cantidades que se reclaman por parte dos afectados.

Para a rebaixa das peticións iniciais, a Fiscalía tivo en conta a reparación do dano causado, xa que, previamente ao xuízo, depositaron 3.718 euros, que cobren "todos os danos acreditados nas actuacións". Ademais, o presidente do tribunal acordou a suspensión da entrada en prisión dos condenados durante dous anos se abonan unha multa de 1.440 euros e non delinquen durante este período.

Xuízo en Santiago por fabricar xel hidroalcohólico con augardente.
Xuízo en Santiago por fabricar xel hidroalcohólico con augardente. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta