Pontón lamenta que Rueda priorice "as directrices" de Feijóo a defender os intereses galegos na crise con Milei

Asegura que a crise diplomática "pode ter consecuencias" para os intereses galegos, especialmente os do sector pesqueiro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/05/2024 | Actualizada ás 13:31

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, lamentou que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, poña por diante "seguir as directrices" que lle marca o líder do seu partido, Alberto Núñez Feijóo, en lugar de defender "os intereses" galegos ante a crise diplomática desatada entre España e Arxentina polas palabras do presidente arxentino, Javier Milei, sobre o seu homólogo español, Pedro Sánchez.

A preguntas dos xornalistas este mércores nunha comparecencia de prensa celebrada no Parlamento galego, Pontón volveu a trasladar a súa condena ante "a provocación" de Milei durante a súa visita a España nunha actitude que considera "totalmente impropia". En todo caso, a líder nacionalista cre que a "actitude" que mantén o Goberno central nesta crise diplomática debería mantela "coa mesma contudencia" fronte a Israel polo seu "xenocidio" do pobo palestino que merece, ao seu xuízo, a ruptura das relacións.

Sobre o papel do mandatario autonómico no enfrontamento entre os Gobernos español e arxentino por mor das palabras de Milei sobre a esposa de Pedro Sánchez, Pontón advertiu que a crise diplomática "pode ter consecuencias" para os intereses galegos, especialmente os do sector pesqueiro. Por iso, censurou que Rueda estea "máis preocupado en seguir as directrices" que "lle marca desde a rúa Xénova" o líder do seu partido, Alberto Núñez Feijóo, en lugar de "defender os intereses" de Galicia.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa | Fonte: BNG - Arquivo

RUEDA CRE QUE AS MANIFESTACIÓNS DE MILEI NON SON UN ATAQUE A ESPAÑA

Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, manifestou que o cruzamento de declaracións entre os gobernos de España e Arxentina, "non axudan en absoluto" aos intereses das empresas, en particular as galegas, con negocios no país arxentino. "Unha cousa é o presidente do Goberno e outra España, non creo que se poida considerar como un ataque a España", sentenciou a preguntas dos xornalistas. Ademais, cuestionou as medidas adoptadas polo Executivo central "ante as consecuencias que poidan ter".

Todo iso despois de que o ministro de Exteriores, José Manuel Albares, anunciase a retirada definitiva da embaixadora española en Arxentina ante a ausencia de desculpas do presidente dese país, Javier Milei, quen tachou de "corrupta" a Begoña Gómez, muller do presidente do Goberno español, Pedro Sánchez. "Non axuda en absoluto", manifestou Rueda en alusión para os efectos que esta polémica poida xerar, sobre todo, nas empresas con presenza en Arxentina. "Tentaremos desde a Xunta, e a través das canles que quedaron abertas tras a nosa visita, que isto prexudique o menos posible ou non prexudique aos intereses de empresas galegas", sinalou tras insistir en que "o que está a pasar non favorece".

"Somos espectadores desta loita que se está intensificando", lamentou Rueda, que insistiu no seu desacordo coas declaracións de ambos os representantes políticos. "Xa dei a miña opinión desde o primeiro momento, non axuda en nada que o ministro (de Transportes, Óscar Puente) dixese o que dixo", expuxo sobre os seus cualificativos respecto de Milei e as manifestacións posteriores deste. Así mesmo, o mandatario galego indicou respecto da "reacción do Goberno central" que a resposta do Ministerio de Asuntos Exteriores "non a tivo noutros casos". "Unha cousa é o presidente do Goberno e outra España, non creo que se poida considerarse como un ataque a España para as medidas que se están tomando e as consecuencias que poidan ter", apuntou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta