Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/05/2024 | Actualizada ás 14:13
O Partido Socialista defenderá na Cámara galega medidas que permitan superar "a freada" que se rexistra na industria eólica en Galicia. Así o manifestou o xefe de filas do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, en declaracións aos medios tras reunirse en Galicia co Foro Fieito para a industrialización sustentable e a transición ecolóxica de Galicia.
Na súa intervención, asegurou que aos socialistas e a este foro únelles a vontade do PSdeG de unir a reindustrialización co respecto ao patrimonio ambiental e cultural de Galicia, incidido tamén na necesidade de "apostar" polas enerxías renovables como base deste proceso. "E no PSdeG defendemos esta proposta de sumarnos á marea de renovables para atraer máis industrias", dixo Besteiro, que considerou que iso levará "máis empregos" e de "máis calidade", vinculados a un maior desenvolvemento.
O dirixente socialista lembrou que a súa formación é partidaria de aumentar o peso industrial de Galicia a través da aposta, entre outras cuestións, polas renovables. Por iso, dixo, que lles preocupa "a freada" na industria eólica. Ante iso, avanzou que a súa formación defenderá na Cámara galega iniciativas que permitan á Comunidade galega saír do impass que se rexistra tras "case 30 suspensións de proxectos" e permitan "clarificar e actualizar" a lexislación para desenvolver e dar seguridade xurídica aos proxectos.
Tras soster que a seguridade é a que permite que as investimentos se produzan, Besteiro considerou necesario "tomar un papel activo" fronte a esta paralización e "non simplemente esperar ao que poida ocorrer no devir xurídico". "Hai que superar esas incertezas dando un paso adiante, e iso é o que creo que ten que facer tamén a Administración de Galicia neste asunto", sostivo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.