Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/05/2024 | Actualizada ás 17:29
A sala do social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) recoñeceu que o persoal interno residente do Sergas debe cobrar o mesmo soldo base que persoal estatutario do mesmo grupo profesional.
A sentenza, á que tivo acceso Europa Press, sinala que este "conflito colectivo" afecta os médicos, enfermeiros, farmacéuticos, biólogos, psicólogos e químicos que teñen unha relación laboral especial de residencia para a formación co Sergas.
Desta forma, o fallo recolle que a decisión do Sergas de "non recoñecer nin abonar" no últimos cinco anos ao persoal interno residente en formación nos centros de saúde e hospitais o soldo equivalente ao soldo base recoñecido ao persoal estatutario co mesmo título universitario, "non é conforme a dereito".
Por iso, o persoal do Sergas afectado por este conflito colectivo ten dereito a percibir, en concepto de soldo, a mesma contía que percibe, en concepto de soldo base, o persoal estatutario do mesmo grupo profesional.
Neste sentido, apuntou que "non existe razón xurídica" que permita sustentar que a contía do soldo do persoal residente vinculado ao Sergas "pode ser diferente" á contía do soldo basee do persoal estatutario, "como así veu acaecendo nos anos 2019, 2020, 2021, 2022 e 2023".
Contra a esta resolución do alto tribunal galego as partes poderán interpor recursos de casación ante o Tribunal Supremo.
RESOLUCIÓN SERGAS ENFERMARÍA SAÚDE MENTAL
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este mércores a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde (Sergas) que recolle a relación definitiva dos aspirantes admitidos e excluídos no proceso selectivo, polo sistema de concurso de méritos, para o ingreso na categoría de enfermeiro especialista en Saúde Mental, así como o nomeamento do tribunal cualificador do proceso.
En concreto, ofértanse 94 prazas mediante o sistema de concurso, das cales 65 son de acceso libre, 24 de promoción interna e cinco de discapacidade xeral. Estas engádense ás 31 prazas ofertadas no proceso selectivo mediante o sistema de concurso oposición (exame realizado o pasado febreiro) e ás dúas ofrecidas no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos.
No actual proceso foron admitidos 135 aspirantes, dos cales 128 participan por acceso libre, tres por discapacidade e catro por promoción interna. Por iso, 20 prazas de promoción interna pasarán a acceso libre.
PERSOAL ESTATUTARIO
Doutra banda, o DOG tamén publicou este mércores a relación provisional das listas de selección temporal de dez categorías de persoal estatutario: celador, celador (lista de discapacidade intelectual), técnico en farmacia, técnico superior en anatomía patolóxica e citología, técnico superior en dietética, técnico superior en documentación sanitaria, técnico superior en hixiene bucodental, técnico superior en imaxe para o diagnóstico, técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico e técnico superior en radioterapia.
O total de aspirantes admitidos foi de 21.493 persoas. Por categorías, a máis numerosa é a de celador, con 12.330.
No resto, foron admitidas 294 persoas en celador con discapacidade; 1.976 en técnico en farmacia; 766 en técnico superior en anatomía patolóxica e citología; 441 en técnico superior en dietética; 385 en técnico superior en documentación sanitaria; 622 en técnico superior en hixiene bucodental; 1.862 en técnico superior en imaxe para e diagnóstico; 2.512 en técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico, e 305 técnico superior en radioterapia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.