Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 26/10/2015 | Actualizada ás 15:00
O coordinador de Participación do PPdeG, Javi Dorado, anunciou hoxe a posta en marcha dunha nova ferramenta de comunicación do partido coa cidadanía. Trátase dunha conta de Whatsapp pensada para facilitar a interacción dos cidadáns co Partido Popular de Galicia. O número, 608.338.908.
Esta medida foi avanzada na Ponencia política aprobada hai unhas semanas, que pretendía redefinir a relación do propio PPdeG cos galegos, de xeito que a política non estivese baseada en discursos senón en conversas, en diálogos bidireccionais e non nun sistema en que uns falan e outros escoitan.
Dorado considera que será unha canle útil para que os galegos poidan solicitar información ao principal partido de Galicia, resolver dúbidas ou trasladar impresións, e mesmo críticas, acerca da acción do Goberno.
“Non temos medo a recibir opinións contrarias acerca da nosa labor, ao contrario. O que non debemos é limitarnos a coñecer a opinión dos galegos só cando son chamados ás urnas”, dixo.
“Temos que facer unha importante labor de pedagoxía acerca do que fixemos e do que non fixemos, e para iso utilizaremos todas as ferramentas e mecanismos que poidamos. Estar máis na rúa é unha forma, por suposto, pero as redes sociais e as ferramentas telemáticas tamén o son”, apuntou.
Javi Dorado sinalou que esta non é unha ferramenta pensada para as eleccións do 20 de decembro senón que se impulsou en xuño, estrease hoxe e terá vixencia máis alá dos próximos procesos electorais porque “a nosa intención é establecer vías de interacción entre os galegos e nós de forma permanente”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.