Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/05/2024 | Actualizada ás 17:57
O Partido Popular de Galicia erixiuse este xoves en defensor do rural galego e "no único partido cos pés no territorio" co foco nas eleccións europeas do 9J, nas que propoñen para o sector agrogandeiro "máis axudas, menos burocracia e menos sectarismo ecolóxico".
O candidato Adrián Vázquez proclamou que "só cunha delegación forte do Partido Popular en Europa será posible negociar máis fondos para a PAC, eliminar cargas burocráticas e impor cláusulas de reciprocidade que sitúen aos agricultores e gandeiros da comunidade en igualdade de condicións cos seus competidores".
Pola contra, lamentou que a esquerda estea a impulsar na Eurocámara "políticas que van en contra do sector primario galego". Respecto diso, aludiu á candidata socialista como "ministra de intransixencia ecolóxica" e alertou de que "deixar nas súas mans a defensa do rural galego sería como pór ao lobo ao coidado das ovellas".
PSOE
O candidato do PSOE ás eleciones europeas, Nicolás González Casares, recalcou este xoves en Vigo que os comicios do 9 de xuño son "cruciais" para que Europa avance "en dereitos, en liberdades, en paz e en democracia", e para frear á "ultradereita" e ao "fascismo".
Así o trasladou nun acto en Vigo, fronte ao centro de saúde de Teis, onde o Concello instalou unha rampla mecánica, precisamente cofinanciada con fondos europeos, e onde estivo acompañado, entre outros, polo secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro; o alcalde da cidade, Abel Caballero; ou a presidenta do PSdeG, Carmela Silva.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.