Sabedes como é a arte do cosplay?... transformando a fantasía en realidade

En Galicia tamén ferven novas tendencias artísticas. Descobre como o cosplay conecta a persoas de diversas culturas e orixes a través do seu amor pola ficción e a creatividade, creando un forte espírito de comunidade.

Por Elena G.Fdz | Santiago de Compostela | 31/05/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O cosplay, unha práctica que fusiona a paixón por personaxes ficticios con habilidades artísticas e técnicas, evolucionou dende os seus humildes comezos na década de 1970 en Xapón ata converterse nun fenómeno global. Dende a elaboración meticulosa de traxes ata a representación fiel de personaxes en convencións multitudinarias, o cosplay capturou a imaxinación de millóns de persoas en todo o mundo. 

Dúas cosplayers de Animal Crossing no evento Hobbycon na Coruña 2023
Dúas cosplayers de Animal Crossing no evento Hobbycon na Coruña 2023 | Fonte: Elena González - Galicia Confidencial

ORIXES E EVOLUCIÓN: UNHA VIAXE DENDE XAPÓN

O termo “cosplay”, unha combinación de costume (disfraz) e play (xogar ou reproducir), orixinouse en Xapón, onde os fanáticos do anime e manga comezaron a disfrazarse coma as súas personaxes favoritas en eventos de cómics e animación. Dende entón, o fenómeno trascendeu as fronteiras culturais, abarcando unha ampla gama de medios e xéneros, dende cómics e videoxogos ata películas e series de televisión. Pablo, un cosplayer veterano, contounos cómo foron os seus inicios, " o primeiro evento ao que fun foi á expotaku da Coruña en 2011, a segunda edición era creo, e fun cun gorro de Pikachu porque non sabía que ía atopar, e cando vin de que ía o tema, animeime e para o ano xa comprei un suadoiro de Kaito Matryoshka, de Vocaloid, coa súa perruca, un pouco de pintarse a cara e listo. "

A MAXIA DETRÁS DOS TRAXES

Un dos aspectos máis apaixonantes do cosplay é a creación dos traxes. Os cosplayers dedican incontables horas a investigar, deseñar e construír traxes que capturan a esencia dos seus personaxes favoritos. Dende a selección de materiais ata a fabricación de accesorios e a aplicación de maquillaxe, cada detalle cóidase meticulosamente para lograr a máxima autenticidade. Pablo afirma que non é unha afección barata, polo menos se esperas bos resultados. "Pero  o importante é pasalo ben, como todo, e facer os teus props, cousiñas do cosplay a man, sempre é entretido e parece que non pero vas collendo por defecto xeito para manualidades", afirma. Con todo, ás veces a autoesixencia supón un desafío, "para min o peor é que me gusta que sexa todo o parecido ó orixinal posible, e á mínima que non consigo replicar algo como quero desmotívome ou compárome con xente que xa o fixo antes".

Participantes do concurso de cosplay da Expotaku A Coruña 2024
Participantes do concurso de cosplay da Expotaku A Coruña 2024 | Fonte: Elena González - Galicia Confidencial

AS CONVENCIÓNS: ONDE OS SOÑOS FANSE REALIDADE

As convencións de cultura pop, manga e videoxogos son o epicentro do mundo do cosplay. Estes eventos masivos reúnen a miles de fanáticos entusiastas que comparten o seu amor pola ficción e a fantasía. Dende a Expotaku de A Coruña ata a Cómic Market en Tokio, as convencións ofrecen un espazo único onde os cosplayers poden exhibir os seus traxes, participar en concursos, asistir a paneis informativos e conectarse con outros afeccionados.

Andrés, un mozo que adoita ir ós eventos de anime explica que o máis divertido para el é poder atoparse con xente facendo cosplay da misma serie ou anime ca ti, ver ás reaccións das persoas ó teu traballo e "facer poses xuntos" cando sacan fotos. Pablo entende ás convencións como un lugar para pasar tempo cos amigos, sacar fotos, facer memes, e como di el mesmo "simplemente poder facer o parvo coma se fósedes nenos no parque, ser feliz sen preocuparte do resto".

O FUTURO DO COSPLAY 

A medida que o cosplay continúa gañando popularidade, o seu futuro parece cheo de posibilidades emocionantes. Con avances tecnolóxicos como a impresión 3D, os cosplayers teñen máis ferramentas que nunca para levar as súas creacións ó seguinte nivel e explorar novas formas de expresión artística. Pablo coméntanos que "hai tanta xente que se dedica profesionalmente ó cosplay que creo que vai evolucionar moitísimo. Cousas como levar unha guadaña cando se empezaba coa afección era incrible, e agora, para un cosplay de alguén como Alastor de Hazbin Hotel, que simplemente vai de traxe, xa hai xente que se fabrica un micrófono de pé, funcional, que distorsiona a voz para soar como el. En termos de caracterización, armaduras, perrucas, hai tantas cousas que podes levar ó extremo e dicir: ‘Mira o que fixen!’".

Tamén anima a quen desexa empezar no mundo do cosplay: "Que o fagan con ganas, sen presión. Se non alcanzan a data, non pasa nada, hai máis eventos. Que non teñan vergoña, que se saquen moitas fotos e, aínda que no futuro lles dea vergoña e non queiran compartilas, saiban que lles traerán moitos recordos". Andrés, que tamén é cosplayer ocasionalmente engade: "Que non se preocupen pola calidade dos seus disfraces, todos empezamos en algures. Algúns con disfraces simples feitos a man, outros comprados. Da igual, o importante é pasalo ben".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta