Poder micropigmentar o complexo areola-pezón tras o cancro de mama supón "pór a guinda do pastel"

A enfermeira Luisa Gragera demanda maior visibilidade da micropigmentación areolar como tratamento reparador no proceso dos coidados oncolóxicos e máis enfermeiras micropigmentadoras na sanidade pública para dar resposta á demanda existente. "Non é admisible que tras o proceso do cancro estas pacientes teñan unha lista de espera de dous anos para poder micropigmentar e reconstruír o complexo areola-pezón", critica.

Por E.P. | SANTIAGO | 08/06/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Cando falamos de micropigmentación sempre pensamos na parte estética. Sen embargo, tamén existe a micropigmentación como coidado dentro dos procesos oncolóxicos e dermatolóxicos (micropigmentación de areolas, cellas, ollos, capilar, cicatrices...) en homes, mulleres e nenos. Dentro do proceso oncolóxico do cancro de mama, que en moitas ocasións supón a extirpación da mama e a perda do complexo areola-pezón, a micropigmentación permite crealo cun efecto de hiperrealismo, recuperando a identidade da muller e finalizar así o proceso.

Unha paciente antes e despois da micropigmentación da areola e o pezón
Unha paciente antes e despois da micropigmentación da areola e o pezón | Fonte: Luisa Gragera

Luísa Gragera, directora xerente da Clínica Integral Luisa Gragera de Madrid e participante no XVII Congreso Nacional de Enfermería Dermatolóxica, Dermatocosmética e Feridas celebrado en Santiago, dá visibilidade a este tipo de tratamento e conta que "moitas das pacientes recoñecen que unha vez finaliza o proceso do cancro de mama, onde se lles extirpou o complexo areola-pezón, non son quen de volver mirarse ao espello, deixan de ter relacións coas súas parellas, non se poñen camisas brancas e tapan os espellos do baño con toallas para evitar verse neles". Así, moitas mlleres senten que perderon "a súa identidade de muller", asegurando que "é como se as mutilasen, se as amputasen, así o reciben". 

"É UN PROCESO NA MAIORÍA DAS PACIENTES INDOLORO, XA QUE OS PROCEDEMENTOS PREVIOS FAN QUE PERDAN PARTE DA SENSIBILIDADE"

A micropigmentación é un proceso indoloro xa nas persoas sás, pero máis no caso das pacientes que foron sometidas a quimioterapia. Como apunta a profesional, "a maioría destas mulleres teñen a mama radiada e perden parte da sensibilidade na zona, en consecuencia". Ademais, no caso de que a muller en cuestión aínda note molestias pódeselle aplicar unha crema calmante. En resumidas contas, esta técnica provén da tatuaxe, realízase cun dermógrafo, manípulo similar a un bolígrafo, en cuxa punta se van intercambiando diferentes agullas desbotables que permiten implantar pigmentos e crear un efecto hiperrealista". 

Como explica Luisa Gragera, o obxectivo é "facer unha areola similar á súa, para crear un efecto óptimo hiperrealista 3D e diminuír o impacto visual e emocional". "O noso obxectivo sempre é que, de xeito visual, se cree un efecto en 3D, para o que imos usando agullas de diferente grosor e pigmentos de diferente cor para logralo", indica. O primeiro paso é realizar un deseño, e confesa que "as mamas soen estar asimétricas nos casos destas mulleres, polo que primeiro faise un deseño sobre a persoa de pé e mírase que a areola quede simétrica respecto da outra de xeito visual". Seguidamente, unha vez marcada a zona, "faise xa un estudo de colorimetría para que a cor sexa tamén o máis semellante posible". Logo xa é tumbar á paciente na camilla e poñerse a traballar coas agullas e os pigmentos "para ir creando un efecto tridimensional que tamén simule ter algo de relieve".

"É UNHA TÉCNICA RELATIVAMENTE RECENTE NA SANIDADE PÚBLICA, QUE COMEZOU AO REDOR DO ANO 2019"

Unha vez creado ese complexo areola-pezón, canto dura o efecto? Bórrase? É permanente? A enfermeira explica que "todo depende dos pigmentos, as características da pel, os coidados... a duración no tempo é semellante á das tatuaxes artísticas. É unha técnica ambulatoria que require unha primeira sesión para o test de sensibilidade; unha segunda sesión de dúas ou tres horas para crear o complexo areola-pezón; e unha terceira de revisión ou retoque, segundo valore o profesional. Ademais, a técnica non ten uns coidados excesivos, unha vez feita hai que evitar mollarse e suar a zona durante uns 15 días e mantela hidratada.

A profesional lamenta que "a día de hoxe na Seguridade Social hai poucas enfermeiras micropigmentadoras e poucas unidades especializadas neste tratamento", porque aínda "é unha técnica relativamente reciente e descoñecida para moitos profesionais sanitarios, incluídas enfermeiras". Así, alaba o traballo realizado por enfermeiras da sanidade pública de Navarra que "presentaron un estudo no 2019 no que se presentaba a comparativa do custe a nivel económico que suporía para a sanidade a micropigmentación fronte á reconstrución: ao final a micropigmentación nunha única sesión ou máximo en dúas resólveche o problema, mentres que a intervención cirúrxica feita por un cirurxán plástico xa precisa dun quirófano, unha anestesia e uns coidados postoperatorios".

"PODER CREAR UN COMPLEXO AREOLA-PEZÓN SUPÓN POÑERLLE A GUINDA AO PASTEL E PASAR PÁXINA"

Aínda que Luisa Gragera tamén afirma que "cada vez se están formando máis enfermeiras que están creando estas unidades especializadas de micropigmentación", admitindo que, con todo, "seguen sendo escasas". Algo que se evidencia na demanda, porque a día de hoxe, para este tratamento ambulatorio que dura máis ou menos 3 horas a lista de espera é de anos, pois hai unha elevada demanda". E considera que non pode ser admisible que, "despois de ter superado todo ese proceso no que as mulleres xa de por si están sometidas a chequeos e revisións continuas, non poidan finalizar a parte estética".

Por iso, Gragera defende que "poder facer ese complexo areola-pezón ás veces supón poñerlle a guinda ao pastel, e así o din moitas, que aseguran despois do procedemento que xa poden pasar páxina". Eses procesos de micropigmentación, polo tanto, xa non son só unha axuda a nivel clínico, senón tamén psicolóxico, porque "a nivel de autoestima trátase dun tratamento para que poidan volver a mirarse no espello e ter relacións coas súas parellas". Ademais, a técnica como tal é moi descoñecida porque é algo do que as propias mulleres nunca falan: "A parte da clínica todo o mundo a coñece, e sabe que cando comeza un proceso oncolóxico é recomendable mercar unha peluca antes de que se che caia o pelo para que non haxa un impacto tan forte, pero a micropigmentación do pezón é algo que se descoñece, cando debería ser un coidado máis da enfermaría, porque abarca o plano psicosocial". 

Tamén destaca a micropigmentación facial e capital como procedemento reparador na camuflaxe de alopecias, cicatrices... dentro dos servizos oncolóxicos e dermatolóxicos para amortiguar o impacto físico e emocional, mellorando así a autoestima dos pacientes. Existen estudos, como argumenta, que relacionan imaxe corporal e autoestima nas mulleres con cancro de mama.

"UNHA PACIENTE EN FASE TERMINAL DICÍAME QUE CADA VEZ QUE SE TIÑA QUE PINTAR AS CELLAS ERA MÁIS CONSCIENTE DA SÚA ENFERMIDADE E DE QUE ÍA MORRER"

A profesional coméntanos casos concretos coas súas pacientes que lle fixeron chorar, pero que tamén lle trouxeron alegrías. "Eu tiven unha paciente en fase terminal que era retratista, polo que tiña unha visión especial da estética, e dicíame que non podía soportar o ter que levantarse todos os días e ter a necesidade de pintarse as cellas porque non sabía facelo, porque non todos os días se atopaba con ánimo para facelo, porque había veces que lle saía mal e porque esta necesidade a facía ser máis consciente de que ía morrer", confesa Luisa Gragera, que nos conta tamén outro caso de "unha rapaza á que lle detectaron cancro de mama con 18 anos, xusto cando comezara unha relación sentimental cun rapaz e despois do diagnóstico díxolle ao mozo que se alonxara dela e buscase outra rapaza porque ela xa non servía, porque ía ser unha muller mutilada despois da operación". Afortunadamente, non lle fixo caso e a día de hoxe están casados e teñen dúas nenas, pero "é algo moi duro".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta