Desaloxados dous edificios en Marín e A Guarda por un lume e unha fuga de gas

No caso de Marín dúas persoas tiveron que ser hospitalizadas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/05/2024 | Actualizada ás 10:10

Comparte esta noticia

Dúas persoas tiveron que ser trasladadas na madrugada deste xoves en Marín por inhalación de fume tras rexistrarse un incendio que obrigou a desaloxar un edificio de catro plantas. Tamén preto dunha vintena de persoas foron desaloxadas na noite deste pasado mércores na Guarda por unha fuga nun depósito de gas.

Bombeiros nunha actuación
Bombeiros nunha actuación | Fonte: ADRIAN IRAGO


No caso de Marín, os feitos ocorreron sobre as 03.45 horas e foi un dos veciños o que alertou do lume, que se orixinou no segundo piso do inmoble, situado na rúa Jaime Janer. Segundo relataba na chamada, o fume comezara a propagarse por todas as instalacións e aínda había xente no resto das vivendas. De feito, outras persoas tamén indicaron que acababan de escoitar explosións no domicilio afectado.

Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitouse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros do Morrazo e do Salnés, así como da Policía Nacional e Local. Pouco despois, os axentes da Policía Nacional confirmaron que todos os veciños foran desaloxados e que os medios de extinción xa traballaban para controlar as chamas. Ao mesmo tempo, os profesionais sanitarios trasladaron a dúas persoas por inhalación de fume leve ao Hospital Montecelo. Finalmente, o lume causou considerables danos materiais, afectando a varias estancias do piso, así como ao teito.

A GUARDA

No caso da Guarda, os feitos ocorreron minutos antes das 21.00 horas na rúa Coruña e ningún dos veciños necesitou asistencia sanitaria. Os servizos de emerxencia tiveron constancia do sucedido a través da chamada dun dos cidadáns, quen explicou que o depósito estaba situado no tellado e que unha das tubaxes estaba a perder gas.

Así, alertouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Garda Civil, ao GES da Guarda e aos técnicos da empresa subministradora do gas. Os efectivos do GES da Guarda confirmaron a existencia dunha fuga cando chegaron ao lugar, polo que solicitaron a colaboración dos técnicos da empresa xestora. Deste xeito, evacuouse aos 17 veciños para proceder co baleirado do depósito, tras o que puideron retornar ás súas vivendas pasadas as 07.00 horas desta mañá.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta