Prisión provisional para tres dos sete detidos en Ferrol acusados de tráfico de drogas

Os outros catro quedaron en liberdade coa obrigación de comparecer ante a xustiza cando sexan chamados.

Por Europa Press / Redacción | FERROL | 30/05/2024 | Actualizada ás 16:22

Comparte esta noticia

A maxistrada do Xulgado de Instrución número 3 de Ferrol, en funcións de garda, decretou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza, de tres dos sete detidos nun operativo contra o tráfico de drogas. Para o resto, outros catro apresados, ditouse liberdade con obrigación de comparecer cando sexan chamados. Todos eles están investigados por un delito contra a saúde pública e a causa está declarada secreta, segundo comunicaron a Europa Press desde o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Ao longo deste xoves os detidos foron chegando á sede xudicial de Ferrol, provintes da comisaria de Ferrol-Narón en furgonetas da Policía Nacional. No exterior dos xulgados, na rúa Coruña, agardábanos algúns dos seus familiares, que non tiveron contacto con apresados, xa que foron introducidos a través do garaxe do soto. Todos eles forman parte dun dispositivo posto en marcha por axentes policiais para erradicar o tráfico de sustancias estupefacientes na zona das vivendas sindicais de San Pablo, en Ferrol, e nalgún dos 'narcopisos' da cidade da Coruña.

Tres dos detidos foron apresados na tarde do pasado luns, cando viaxaban nun automóbil por un dos viarios do barrio de Caranza, os outros tres en San Pablo e un sétimo na Coruña. Polo momento non transcendeu, ao estar a causa declarada secreta, que cantidade e que tipo de sustancias estupefacientes foron incautadas, ademais de cantidade de diñeiro en metálico ou a posesión dalgún tipo de arma.

Xulgados de Ferrol
Xulgados de Ferrol | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta