Os trens turísticos de Galicia volven este sábado coa primeira saída da Ruta dos Faros

Esta saída alcanzou practicamente o 100 % de ocupación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/06/2024 | Actualizada ás 13:49

Comparte esta noticia

A campaña dos trens turísticos da Xunta retoma este sábado a súa andaina da man do tren da Ruta dos Faros, que na súa primeira saída alcanzou practicamente o 100 % de ocupación. Este é unha viaxe que comezará e culminará na Estación de tren de Ferrol tras visitar Cabo Ortegal, o miradoiro de Vixía Herbeira, o Santuario de San André de Teixido e o Cabo Estaca de Bares. Os participantes tamén poderán coñecer Viveiro e os cantís de Loiba. Este itinerario da Ruta dos Faros terá novas saídas o 6 e 20 de xullo, o 3 e 31 de agosto e o 7 de setembro, para as que aínda quedan billetes dispoñibles.

Durante o mes de xuño tamén se realizarán as primeiras saídas da ruta MEGA e A Coruña 1906 (o sábado 8 de xuño), na que se poderán visitar a cidade herculina, o MEGA e o Concello de Abegondo; a Ruta dos Mosteiros será a proposta que chegará o terceiro sábado de xuño, coa que se convidará aos participantes a coñecer o chamado 'Versalles galego', o Pazo de Oca, para logo visitar o Mosteiro do Carboeiro, o templo de Vera Cruz, no Carballiño, e o Mosteiro de Oseira. O sábado 22 de xuño sairá a Ruta das Rías Baixas, cunha proposta de visitas á adega do Pazo Baión, ao conxunto monumental de Fefiñáns e, tras un percorrido pola ría de Vigo, á Illa de San Simón.

As saídas para os trens turísticos do mes de xuño complétanse coa que haberá o sábado 29 co percorrido polas Mariñas, que partirá da Coruña e chegará a Ferrol tras percorrer As Mariñas e Terras de Mandeo, visitando Betanzos, Paderne, e Pontedeume. De volta en Ferrol, realizarase un paseo pola ría e outro polo barrio da Magdalena. Cada ruta dos Trens Turísticos de Galicia ten unha duración dun día e ademais do percorrido en tren, a iniciativa inclúe un servizo de guías oficiais de Galicia durante a viaxe, xunto con traslados complementarios en autobús e entradas aos puntos de interese.

Trens Turísticos de Galicia
Trens Turísticos de Galicia | Fonte: Xunta

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta