O momento agridoce do sector da construción en Galicia: baixa rendibilidade, pouca man de obra e futuro incerto

Repasamos da man de Fernando García Novo, xerente do consello territorial de Galicia da Fundación Laboral da Construción, os puntos positivos e negativos na actualidade.

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 07/06/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

"O sector da construción vive un momento agridoce en Galicia", asegura Fernando García Novo, xerente do consello territorial de Galicia da Fundación Laboral da Construción. Facemos un repaso pola situación actual en todos os niveis, desde as principais problemáticas, a formación e as condicións laborais. Sinala como doce, que xa leva uns anos cunha tendencia positiva no que atinxe á volume de traballo, pese a que o arranque de ano xerou algunhas dúbidas. Porén, enumera na parte máis amarga tres grandes problemas que lastra a actividade do sector.

Fernando García
Fernando García | Fonte: Fundación Laboral de la Construcción

O primeiro problema, que entenden se irá asumindo pouco a pouco, é o aumento dos custos en materiais de construción: "Houbo unha aspiral inflacionista nos anos anteriores, que xa se moderou moito, pero as materias primas están en máximos históricos". O segundo punto negativo, xorde a raíz da crise financeira do 2007/08, é a rendibilidade das empresas que baixou moito e aínda non se recuperou. Como terceira problemática e que considera Fernando "pode ser a máis importante nos próximos anos" é a man de obra. "Xa non é que non haxa suficiente, senón que o sector está moi envellecido. No ano 2007, a media de idade dos traballadores do sector en Galicia era de ao redor de 37 anos e actualmente está próximo aos 50, nos 40 e moitos", asegura. Neste sentido, desde a Fundación atópanse preocupados porque "se están xubilando moitos traballadores e con esa media de idade" aventuran que "en dez anos non terán traballadores". 

"A TORMENTA PERFECTA PARA ESTAR ONDE ESTAMOS" 

Fernando remóntase ao periodo da crise que se iniciou en 2008 e foi ata o 2017, onde fai fincapé en que case a metade dos empregos foron destruídos. Así, pasouse de "120.000 traballadores nas épocas de maior actividade a preto de 76.000, durante eses dez anos". Isto tradúcese en varias consecuencias: "A primeira é que no imaxinario colectivo por moitos anos, o sector da construción quedou asociado á precariedade laboral, debido a que se algunha persoa ten hoxe 25 anos, leva desde os 15 anos escoitando que o sector destrúe emprego". Outro punto a ter en conta é que neste sector, a formación dos traballadores foi por unha vía non formal, na que comezaban a traballar de operarios non cualificados. O xerente fai referencia a que neste parón de dez anos non se formaron novos traballadores, xa que as novas empresas, polo xeral, quedaban cos traballadores máis capaces, de idade máis maior. "Si se está destruíndo man de obra, perdes traballadores en dez anos, non contratas e intentas manter o que tes, polo que non houbo renovación e iso explica o envellecemento que existe", expón. Se a isto se lle suman cuestións externas que atinxen a todas as profesións "tradicionais", os propios problemas vocacionais e a pirámide poboacional galega, "temos a tormenta perfecta para estar neste punto actualmente". 

Como ve o que pode pasar nos próximos anos? "Temos unha estimación, de que pode haber entre 1.500 e 2.000 xubilacións ao ano no sector. Se estamos falando de que levamos uns anos cuns incrementos de 1 e medio, pódense precisar preto de 9.000 novas incorporacións ao ano, é o que din os números". Ante isto, Fernando resume o panorama formativo, en que a Formación Profesional regulada "non funciona", xa que apunta: "En todo o Estado saen 1.700 alumnos en FP de construción ao ano e en Galicia sobre 100". En Formación por Emprego, serían preto de "300 persoas máis ou menos as que poden estar saíndo", mentres que saen uns 400 traballadores de oficio. Así, a suma está nuns 3.000, polo tanto é un problema. Ademáis, tamén se atopan con problemas serios en titulados universitarios: "Segundo o último dato que teño, é que saíron 21 graduados en Arquitectura Técnica, 4 en Enxeñería Civil e 26 en Enxeñería de Obras Públicas, segundo o Observatorio de Formación Profesional de CaixaBank". 

Planos de proxecto de construcción
Planos de proxecto de construcción | Fonte: EP

AS CONDICIÓNS LABORAIS NO SECTOR

No que respecta ás condicións laborais, o primeiro que destaca o xerente da Fundación Laboral da Construción, é que este sector tamén está cambiando e evolucionando, como o resto da sociedade. "En Galicia hai 8.100 empresas deste sector, polo tanto as veces, hai tantas condicións como empresas, iso é así. Ademáis, a maioría das contratacións son fixas, porén falar do sector en termos xerais é moi perigoso. Cando se fala destas cousas sempre pode saír unha persoa e, con razón, dicindo que as súas condicións non son esas que se contan", apunta Fernando que engade que fala "de tendencias". O ámbito da construción ten un convenio xeral que, dito por outros sectores, "é un dos mellores que se firman en todo o Estado". Desta maneira, conta: "Cada provincia ten as súas táboas salariais, pero moitas provincias galegas é o sector con maior salario en táboas e noutras, é o segundo".

Recoñece que os salarios sempre poden ser mellores, pero que a necesidade de man de obra fai que o traballador cualificado cobre por riba de convenio. Así, nos últimos anos se está avanzando moito a nivel de conciliación entre a vida laboral e a persoal. "É un inconvinte que vemos á hora de atraer á xeracións máis novas, que valoran moito máis se cabe, esta necesidade". Agora é bastante habitual, afirma, que as empresas teñan xornada continua, que facilita as cousas. 

"O sector acaba de implantar o primeiro Plan de Pensións Sectoriais que se fai en España e quero desde a Fundación, dicirlle á xente que traballa ou quere traballar no sector, que nestes momentos hai moito traballo. Se te atopas con algunha empresa que pretende das unhas condicións que non son as correctas, que busquen outras. Hai moitas empresas que están desexando contratar", manifesta.  

"O 87% DE TODOS OS CONTRATOS SON CUALIFICADOS"

Se falamos de construción, en que pensas? É un sector que conta con moitos estereotipos e Fernando fai referencia á dualidade que observaron desde a Fundación realizando enquisas e estudos sociolóxicos: "Por un lado, ven a construción como un ámbito no que se necesita coñecementos, pero ao mesmo tempo consideran que é un traballo non cualificado; por un lado, saben que se cobra máis ca a media, pero por outro lado, pensan en precariedade e penosidade física". Ante isto, sostén que "a construción é unha gran descoñecida e que foi evolucionando". Desta maneira, os traballos físicos son mínimos, debido á mecanización e como connotacións negativas e inherentes á actividade estaría o traballo en exteriores e ter que lidiar coa climatoloxía. Como dato relevante que dá o xerente: "O 87% de todos os contratos do sector da construcción son contratos cualificados e só un 10% son peóns". Tamén extrapola esta situación a outros sectores como transportes, talleres mecánicos ou a madeira. 

Por último, menciona un problema que non é menor, o salto xeracional, froito do envellecemento mencionado. Provoca que os grupos de traballo sexan maiormente de xente maior e dificulta a adaptación da xenre máis nova. Que lles diría para atraer eses perfís? "Desde dentro, diría que se formen, en calquera caso, xa que o mercado é cada día máis competitivo.  A mellor defensa que ten un traballador ante posibles abusos, que alguén queira ter ou ante precariedade no traballo, é a formación. Animo a que veñan á Fundación, que pregunten e que se lle dea unha oportunidade ao sector. Nos custa moito atraer xente, iso é así, pero a maioría da xente que traballa soe quedar gratamente sorprendida. Pensan que é moito peor do que é". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta