O TSXG confirma a inhabilitación por 8 anos e medio do exalcalde de Ponteceso por prevaricación administrativa

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/06/2024 | Actualizada ás 13:25

Comparte esta noticia

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña que condenou ao que foi alcalde de Ponteceso (A Coruña) entre 1993 e 2015, José Luís Fondo, por cometer un delito continuado de prevaricación administrativa.

Así, o alto tribunal galego desestimou o recurso de apelación interposto polo procesado contra o fallo de primeira instancia que o inhabilitou para emprego ou cargo público e, en particular, relacionado coa función de alcalde, durante oito anos e medio.

Na súa sentenza, a Audiencia Provincial considerou probado que durante o seu mandato, en particular, entre os anos 2012 e 2015, o Concello de Ponteceso "víase obrigado de maneira permanente a axustar a súa dotación orzamentaria tendo en conta que, aínda cando algún exercicio arroxaba resultado positivo, era frecuente xerar numerosas obrigacións co consecuente prexuízo que iso orixinaba para as arcas municipais ao carecer de crédito adecuado, dispoñible e en contía suficiente".

Segundo se recolle na resolución, a execución de determinadas obras adxudicouse "co coñecemento e consentimento do acusado, na súa condición de alcalde, a unha empresa, incumprindo a normativa de contratación, ao prescindir total e absolutamente de procedemento algún a tal fin e a propósito da súa ilegalidade ante os repetidos reparos feitos pola interventora municipal". A Audiencia sinalou que non consta acreditada a existencia de sobrecustos nesas facturas.

"Non é que se incumpriu o procedemento, é que non existiu, por iso é inocuo soster que na sentenza non se di que tramites se omitiron porque precisamente non existiu ningún con adecuada consideración procedimental, tendo en conta que as decisións sen reflexo no correspondente expediente non teñen aquela valoración", subliña o TSXG na resolución.

Ademais, sobre a proba da existencia dos expedientes administrativos, sinala que "os informes técnicos non determinan a súa existencia". O TSXG reitera que "o determinante" é "a falta de expediente administrativo na contratación, e non tanto a realidade das providencias nas que se acorda a fiscalización da obrigación da administración".

José Luis Fondo, ex alcalde de Ponteceso
José Luis Fondo, ex alcalde de Ponteceso | Fonte: anosacosta

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta