Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/06/2024 | Actualizada ás 22:20
Que o cambio climático é unha certeza non o discute ninguén... ben, agás, os terraplanistas e aqueles que defenden discursos fundamentalistas e trumpistas. De feito, na Xunta hai "preocupación" polos efectos que pode ter en Galicia. "É evidente que hai reducción de capturas en pesca, en certas artes, e probablemente teñan que ver co cambio climático", dixo este luns o presidente galego, Alfonso Rueda.
"Hai excelentes biólogos nas confrarías que poden ver cal é a causa no descenso de capturas. Pero é certo que hai inquedanza na Xunta sobre esta cuestión que tamén unha inquedanza deles", apuntou na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. De feito, Rueda confirmou que o propio sector está "preocupado" e que a confraría de Bueu xa lle trasladou en persoa esta preocupación nun encontro que mantivo cos seus representantes hai uns días.
Precisamente, nunha entrevista no GC, Liliana Solís, bióloga da Confraría de Pescadores San Bartolomeu de Noia, explica que nestes momentos a situación dos bancos marisqueiros de Noia "non é boa", especialmente no que respecta á ameixa fina. "Se nun inverno sae unha campaña mala podes recuperar, pero xa van dous", alerta.
Tamén, Alberto Martí, dasSociedade Española de Climatoloxía, pide aos Gobernos que tomen medidas xa porque "chegamos tarde e, cada vez, é máis tarde". De feito, considera que a sociedade está máis concienciada que os que toman as decisións e evidencia que "o avance do cambio climático está superando todas as previsións que se manexaban hai 20 anos". "O cambio climático afecta a todo e xa non se pode frear", apunta nunha entrevista no GC.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.