O exame de Lingua Galega inaugura a ABAU cun texto sobre o Samaín e preguntas sobre prexuízos e neofalantes

A CiUG pasa polas aulas detectores de frecuencia para interceptar dispositivos electrónicos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/06/2024 | Actualizada ás 11:47

Comparte esta noticia

A Avaliación para ou Acceso á Universidade (ABAU) en Galicia arrincou este ano, por primeira vez, co exame de Lingua Galega e Literatura, que incluíu un texto para analizar e comentar sobre o Samaín, así como preguntas sobre os prexuízos que rodean ao idioma, os neofalantes e os bloques dialectais.

Na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago, os exames empezaron puntuais ás 10.00 horas, "con normalidade" e sen que haxa constancia de "ningunha incidencia" reseñable, tal e como explicou a Europa Press a delegada da universidade compostelá na Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG), Maite Flores. En toda a Comunidade, máis de 13.000 mozos enfróntanse a estas probas que lles permitirá obter praza na universidade. Flores ve aos aspirantes "sempre moi moi nerviosos", dado que ao longo de tres xornadas vivirán unha experiencia que "lles vai a dar un acceso ao futuro".

O primeiro día é "de moitos nervios", pero o segundo xa será "máis tranquilo", unha vez comprobasen que os exames son "similares aos do instituto. Así, os alumnos chegan ao terceiro día "especialmente relaxados", ata o punto de "esquecerse en casa" os adhesivos que lles entregan o primeiro día e que empregan para que se poida identificar o seu exame --non pon o nome--.

A delegada da USC na CiUG recomenda "non repasar nada" durante os descansos de media hora entre proba e proba: "Porque repasar todo o que teñen que ter estudado dun ano en media hora é, simplemente, cargar un pouco máis a cabeza". Con todo, recoñece que "é imposible" que sigan esta suxestión e que non o fagan, dada a importancia que terá para eles a nota que obteñan na ABAU, a cal coñecerán o vindeiro xoves, 13 de xuño.

Durante os primeiros minutos do exame de Lingua Galega e Literatura, Maite Flores pasou por todas as aulas da Facultade de Ciencias da Comunicación cun detector de frecuencias para confirmar os móbiles e demais dispositivos electrónicos atópanse debidamente apagados.

E é que o achado dun aparello aceso é "causa de suspensión" de toda a ABAU, non só do exame que estean a facer nese momento, lembra a responsable da CiUG. O ano pasado, en toda Galicia estes detectores permitiron interceptar a cinco persoas tentando copiar.

Arranque da Avaliación para ou Acceso á Universidade (ABAU) 2024 en Galicia, na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela.
Arranque da Avaliación para ou Acceso á Universidade (ABAU) 2024 en Galicia, na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta