Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 04/06/2024 | Actualizada ás 14:04
Un home acusado dun delito de abuso sexual continuado contra unha menor e un delito de exhibicionismo, que se enfronta a 6 anos de cárcere, negou este martes os feitos ante o tribunal e atribuíu a denuncia á "confusión", "falta de agarimo" ou necesidade de "chamar a atención" por parte da menor.
Así o manifestou ante a sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra, onde se celebrou a vista por estes feitos. Segundo a Fiscalía, o home realizou tocamentos nos xenitais, por encima da roupa, á vítima, cando tiña entre 5 e 6 anos, e masturbouse en varias ocasións diante dela, aproveitando que ambos convivían, posto que el era parella da nai da menor.
Na súa comparecencia ante o tribunal, o procesado negou facer tocamentos á nena, nin masturbarse na súa presenza e, ao ser preguntado pola motivación da denuncia (interposta en 2021) proclamou: "Creo que foi unha confusión da nena, non sei se a falta de agarimo, confusión ou querer chamar a atención. Non teño outra explicación". O ministerio público pide inicialmente 6 anos de prisión para el, e que indemnice á vítima, que agora ten 16 anos, en 25.000 euros.
DECLARACIÓN DA VÍTIMA
Por outra banda, a menor declarou tamén na vista, tras un biombo para non ter contacto visual co acusado, e reafirmouse na súa denuncia dos feitos. Segundo relatou, ambos conviviron durante un tempo en Cangas, xunto á nai dela e a outra irmá, filla da parella. No ano 2014, cando a vítima tiña "entre 5 e 6 anos", foi cando supostamente ocorreron os feitos.
A testemuña relatou entre bágoas un episodio no que o acusado e ela atopábanse sós no domicilio, no sofá do salón e, segundo a súa versión, "el puxo unha película 'porno' e empezou a masturbarse", á vez que lle tocaba os xenitais por encima da roupa. "Eu non sabía que estaba a pasar, encerreime na miña habitación e logo escapeime ao traballo da miña nai", explicou.
Igualmente, narrou outros dous momentos nos que, afirmou, o acusado masturbouse diante dela. Posteriormente, a menor deixou de convivir coa súa nai e a súa parella, para trasladarse coa súa avoa. Anos despois, en 2021, nunha sesión de terapia cunha psicóloga, a moza confesou o ocorrido e a súa avoa animouna a pór a denuncia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.