A CIG reclama unha xubilación voluntaria a partir dos 35 anos cotizados

A organización indicou que o Executivo central pretende establecer en 63 anos a xubilación parcial “cando existe o triplo de desemprego xuvenil” e denunciou que isto supón unha prolongación da vida laboral en situacións que chegan a ser “insalubres, tóxicas, perigosas ou penosas”.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 05/06/2024 | Actualizada ás 15:48

Comparte esta noticia

A Confederación Intersindical Galega (CIG) reclama ao Goberno de España que se restableza o dereito para xubilarse parcialmente aos 61 anos para todas as persoas traballadoras en todos os sectores e non só na industria manufactureira. Tamén demanda recuperar a xubilación aos 65 anos para toda a clase traballadora fronte aos 67 establecidos actualmente e pide a xubilación voluntaria a partir dos 35 anos cotizados, reais ou por aplicación dos coeficientes redutores en determinadas profesións.

Pensión, pensións, xubilación, pensionista, xubilado, xubilada, xubilados
Pensión, pensións, xubilación, pensionista, xubilado, xubilada, xubilados | Fonte: Arquivo

Así o expuxo este mércores o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, no transcurso dunha mobilización celebrada en Pontevedra dentro da campaña que ten en marcha a central nacionalista en “defensa do dereito a unha xubilación digna para todas e todos”. Despois de celebrar unha asemblea comarcal de delegados, tivo lugar unha mobilización que partiu desde a Biblioteca Pública do Estado ata as oficinas da Seguridade Social para reivindicar “transparencia” e que se teñan en conta as propostas da CIG nestas materias e os seus dereitos de participación institucional.

Do mesmo xeito que en Pontevedra convocáronse manifestacións nas sete principais cidades galegas. Segundo trasladou Paulo Carril, o Goberno español prepara unha modificación da xubilación parcial e da anticipada por coeficientes redutores, “usurpando” os dereitos de representación institucional das centrais coa condición de máis representativas, como a CIG. Así, denunciou que “suplanta” de maneira “ilegal” aos organismos públicos polo diálogo social, abordando de maneira “oscurantista” unha reforma que “ameaza con introducir novos recortes no sistema público de pensións”.

Carril indicou que o Executivo central pretende establecer en 63 anos a xubilación parcial “cando existe o triplo de desemprego xuvenil” e denunciou que isto supón unha prolongación da vida laboral en situacións que chegan a ser “insalubres, tóxicas, perigosas ou penosas”. Ademais, Paulo Carril acusou ao Ministerio de Traballo e aos sindicatos Comisiones Obreras e UGT xunto á patronal de acometer un proceso que empeora as condicións actuais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta