Xunta e patronal galega, "moi preocupados" pola paralización de eólicos: "Noutros lugares non se está facendo así"

Vieites, acompañado polo candidato popular Millán Mon, critica a falta de "axilización" por parte de Teresa Ribeira de proxectos estratéxicos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 06/06/2024 | Actualizada ás 14:32

Comparte esta noticia

O presidente de Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, e a conselleira de Economía, María Jesús Lorenzan, coincidiron en sinalar que están "moi preocupados" pola "paralización" nos tribunais de proxectos eólicos na comunidade. "Noutros lugares non se está facendo así e resulta que en Galicia si", quéixase o representantes da patronal galega, o que "choca un pouquiño" e "crea moita incerteza".

En declaracións aos medios en Santiago con motivo da asemblea xeral da CEG, Vieites (acompañado do eurodeputado popular e candidato galego do PP ás europeas, Francisco Millán Mon, e os conselleiros María Jesús Lorenzana e José González) queixouse de "unha paralización moi importante de proxectos industriais estratéxicos para Galicia". De feito, dixo que lembra unha visita da vicepresidenta terceira do Goberno e candidata do PSOE ás eleccións europeas, Teresa Ribera, "onde dixo que viña con moitísimo diñeiro ao tema das eólicas, tanto terrestres como mariñas, e que Galicia ten vento e ten auga".

Asemblea da CEG
Asemblea da CEG | Fonte: CEG

"Pero despois vemos que esa axilización que debería terse con todos eses proxectos estratéxicos non se está tendo e iso preocupa ao mundo empresarial, e iso realmente temos que solucionalo máis ben pronto que tarde", reprocha. Sobre os proxectos eólicos paralizados polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) por risco ambiental, Vieites expuxo que, "respectando as decisións xudiciais", hai que "seguir insistindo que son proxectos viables".

Pola súa banda, a conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, incidiu en que "é un problema grave" esta "parálise" eólica, pois "os empresarios cuéstionanse os seus plans de negocio" e "prodúcese un grave prexuízo". "Estamos a utilizar todas as vías, tanto legais como xurídicas", deixa claro, á vez que se está "traballando tamén nas distintas lexislacións", como a lei de recursos naturais para que "redunden nos territorios os beneficios dos proxectos, o aproveitamento de recursos naturais".

Tras mostrar o seu "respecto ás decisións xudiciais", Lorenzana indicou: "En España hai un sistema xudicial que funciona, o Tribunal Supremo vén de ditar unha sentenza corrixindo a doutrina do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O Tribunal Superior de Xustiza de Madrid acaba de pronunciarse recentemente precisamente nun procedemento onde a declaración de impacto ambiental correspondía o Estado, pero os informes foron elaborados pola Xunta de Galicia, no sentido que defendemos por parte da Xunta".

COLABORACIÓN ENTRE XUNTA E PATRONAL

Así mesmo, o líder da patronal galega agradeceu a "estabilidade" do actual Goberno galego "co mundo empresarial", pois valora "o traballo que día a día se está realizando para tentar buscar que ese tecido produtivo siga incrementándose de maneira industrial ata ese 20 %". A colaboración público-privada "foi constante e iso significa que se traduce despois en datos favorables para todo o que é o emprego e o que é a actividade económica".

Así, Vieites chama a unha "axilización" fronte á burocracia. Apunta que "o Goberno de España ten que achegar o seu graniño de area" tanto desde o punto de vista económico como "tamén de xestión en aspectos nos cales se poidan axilizar todos eses grandes proxectos" en Galicia. Apela a que "se avance de maneira continuada de xeito conxunto entre as administracións". O presidente da CEG cre que hai que "avanzar en moitísimas cuestións relacionadas coa economía verde, a economía dixital e todo o que é a reciclaxe, a economía circular, sempre focalizado nas persoas".

Nesta liña, María Jesús Lorenzana remarcou a "colaboración constante e continuou" da Xunta cos empresarios, o que "é clave" para continuar avanzando en datos económicos e industriais. Subliña o 17 % de alza da produción industrial publicada este xoves polo Instituto Nacional de Estatística (INE), catro puntos máis que a media nacional, dato que "non é illado" porque "continuamente" Galicia crece en datos económicos e emprego, resalta. "Imos na boa liña", di, sobre o obxectivo de subir do 16,3 % ao 20 % o peso da industria no PIB.

A conselleira asegura que se debe "seguir traballando no plan de aceleración industrial clave para facilitar" a instalación de empresas e atracción, co compromiso dun prazo de "menos dun ano para que se instale unha fábrica en Galicia" e "continuar coa desburocratización". Lembra que o primeiro mes de funcionamento da oficina económica de Galicia, en abril, rexistrou máis de 900 consultas.

ASEMBLEA

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) celebrou a súa asemblea xeral ordinaria de 2024. Nela aprobáronse as contas e os orzamentos e ratificouse a integración de dúas novas organizacións sectoriais: Asociación Galega de Áridos (Arigal) e Hostalaría e Turismo de Galicia. "A representatividade e a unión empresarial, xunto cunha xestión saneada da CEG, é o obxectivo esencial marcado por esta presidencia desde que xa en xaneiro de 2021 tomamos o temón da organización. Pero hoxe temos tamén que ver que estamos a transitar por un período crave para a transformación da nosa comunidade autónoma e, en particular, da súa estrutura empresarial, e somos conscientes diso", afirma Vieites.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta