'Rosalía en Camiño': un encontro multilingüe que aúna recital, sentimento e interpretación

Este xoves o auditorio da Casa de Rosalía de Castro acolleu un evento no que participaron poetas como Miguel Rodríguez Monteavaro e Andreia C. Faria.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 07/06/2024 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

A Casa de Rosalía de Castro é visitada cada ano por milleiros de persoas que buscan coñecer onde pasou os últimos anos da súa vida a poetisa galega recoñecida no mundo enteiro. Pero, unha vez ao ano, a fundación organiza unha homenaxe á autora de forma diferente, máis emocional e fermosa, co evento 'Rosalía en Camiño': a través da lectura de poemas. A quinta edición desta cita tivo lugar este xoves, cando o auditorio da vivenda da escritora padronesa acolleu a medio cento de asistentes apaixoados pola poesía.

Encontro 'Rosalía en Camiño' 2024
Encontro 'Rosalía en Camiño' 2024 | Fonte: GC
 

 

 

Rosalía de Castro
Rosalía de Castro | Fonte: Commons - Arquivo

A emblemática vivenda locía fermosa nun solleiro día desta primaveira-verán que nos acompañou esta semana. "Cantarte hei, Galicia, na lengua gallega, consolo dos males, alivio das penas", dicía Rosalía en 'Cantares Gallegos' (1863). E, tal e como mandaba Rosalía, orgullosa da súa lingua, nun encontro multilingüe léronse poemas en idioma galego, portugués, vasco e catalán. A musicalidade de todas estas linguas semellaba, precisamente, un fermoso canto para os ouvidos.

Bernardo Atxaga, Andreia C. Faria, Pol Guasch, Brenda Mondelo, Andrea Nunes e Miguel Rodríguez Monteavaro foron os encargados de recitar nesta edición. Ademais, previamente houbo unha conversa entre Miguel Rodríguez Monteavaro e Andreia C. Faria na que ambos reflexionaron sobre a súa poesía e as súas obras. Os aplausos non cesaron tras cada lectura e, sen dúbida, quedaron ganas de máis. Haberá que agardar á chegada da edición do vindeiro ano, que xa se convertirá na sexta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

Venres continuou en Bonaval, onde a Rosalía repousa. E sábado 8, no auditorio do MPG: 12.00 Recital de Bernardo Atxaga, Andrea C. Faria, Pol Guasch, Brenda Mondelo, Andrea Nunes e Miguel Rodríguez Monteavaro. 13.00 “A lluz Orión e a nova lluz”, un espectáculo de poesía, música e imaxe en galego de Asturias dirixido polo poeta Miguel Rodríguez Monteavaro, co artista sonoro Andrés Rodrigues e co cineasta Iván Torres.