Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 17/06/2024 | Actualizada ás 21:25
Se por algo se caracterizan as verbenas galegas é pola súa riqueza, tanto en xente como en aposta músical e de espectáculo. Nesta entrega logo de coñecer na anterior, á formación Furia Joven, falamos do formato de discoteca móbil, que son están máis que presentes. "No 98% das veces alternamos con outra formación, sexa solista, dúo, trío, grupo ou orquestra", afirma Manel Muñoz Lema, xerente de Disco Móvil CDC. Contan con formatos pequenos, como cabinas de DJ para eventos de menor escala en interior ou exterior, a de gran formato, como catro escenarios, "desde oito metros a 20 metros".
Considera que a súa proposta se diferenza nos equipos completos en son e iluminación cos "equipos renovados cada ano". Poden facer desde festas pequenas nunha leira a verbenas en cidades compartindo cunha gran orquestra. Por norma xeral, o seu espectáculo consiste en ofrecer música durante tres ou catro horas, cunha persoa que leva a batura en cabina, que vai cambiando: "Somos un equipo de varias persoas que, en función do que requira a festa ou zona, encaixa mellor unha persoa ca outra, logo están os técnicos que se encargan de que todo vaia ben e os bailaríns, que son máis ocasionais". Fai especual fincapé na importancia de contar con bos equipos de son "coas primeiras marcas e as máis potentes", xa que considera que é "o que realmente te conecta directamente co público na verbena".
Manel recorda como empezou a súa andaina ata crear Disco Móvil CDC: "Comecei a modo de hobby, gustábame a música de sempre e quedei sen traballo, polo que me deu polas míticas cabinas de voda. Xa foi en 2013 cando merquei o primeiro escenario pola demanda que había e porque consideraba que era un negocio que podía funcionar. Xa viñamos de facer verbenas con equipos máis pequenos, dende entón a demanda foi medrando e a nosa oferta tamén"
"QUEREMOS QUE A XENTE BAILE E SE DIVIRTA"
"Intentamos estar á vangarda do mundo escénico", afirma, xa que considera de vital importancia que o equipo de Dj's conecten co público, que interactúen, que chamen a súa atención. Neste sentido, comenta que sempre se personaliza o espectáculo segundo a tipoloxía do evento, idades, preferencias... "O primeiro é sempre unha adaptación no repertorio porque cada evento privado ou verbena é diferente, así como cada zona de Galicia", expón.
Entón, que música podemos escoitar en CDC? Ten un patrón fixo a seguir que pasa por ofrecer no primeiro pase música para facer bailar "á xente maior que se achega ás verbenas e non quedará ata o peche". É unha seña de identidade, que a "xente máis veterana" poida bailar os seus merengues, bachatas, clásicas cumbias... Á medida que evoluciona o vento pola noite, xa se pincha música máis moderna, escapando do son máis electrónicos non tan propios da verbena. "Sempre apostamos pola tendencia do baile, por ese popurrí que gusta a persoas de diferentes idades coa intención de que a xente baile e se divirta".
Neste sentido, Manel considera que cando as formacións coas que tocan son máis modernas, falando de grandes orquestras con espectáculo, a discoteca móbil complementaría con música de baile. "Fariamos un previo musical para a xente maior antes do espectáculo que traería esa orquestra coa que compartiriamos cartel", apunta. No que atinxe aos prezos: "A escala de prezos pode abarcar desde prezos moi asequibles co esecenario pequeno a os prezos do escenario grande, que tiran máis cara o custe dun grupo ou orquestra".
"NON HAI FINS DE SEMANAS DISPOÑIBLES"
Disco Móvil CDC ten a súa sede na Costa da Morte, pero leva o seu espectáculo por toda Galicia, Portugal, Asturias e Castela e León. Porén, a zona que máis dominan é A Coruña porque xa repiten dun ano para outro. E como se presenta este verán? "A temporada está case completa, non ao 100% de ocupación, pero case, xa incluso pechando a campaña que vén, comezando". Desta maneira, afirma que non hai fins de semana dispoñibles, salvo algún venres solto e que anualmente andan preto duns "250 eventos máis ou menos".
Manel que xa leva anos nisto cre que a esencia da verbena galega "segue en auxe" e que é algo que aprecia cando sae de Galicia e coa xente de fóra que vén e queda abraiada: "Veñen de vacacións e non se esperan estas montaxes e espectáculos, atópanse que no medio da nada, hai un escenario e unhas 3.000 persoas, e isto que é? Pois unha verbena galega". Defíneo case como unha relixión, un motivo de unión e unha data sinalada. Menciona ás grandes expoñentes da verbena: París de Noia, Panorama, Combo Dominicano ou Olympus, que mobilizan xente incluso nunha "festa perdida onde Xesucristo perdeu as zapatillas, acode tanta que parece mentira".
Que unha verbena sexa boa ou mala recae no desfrute do público ao 100% e recoñece que marchan felices para a casa se consiguen que a xente baile e o pase ben. "Que teñan con CDC unha noite para o recordo, coas coreografías e sinerxias creadas, e cos temas que querían escoitar".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.