Por E.P. | Vilagarcía | 07/06/2024 | Actualizada ás 13:31
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, pediu este venres en Lugo á cidadanía, no último día de campaña das eleccións europeas, o voto para o Partido Socialista, "o único coa forza suficiente", manifestou, para "frear a ameaza da ultradereita" en Europa.
"É un momento crítico no que Europa se xoga moito. Soamente pode liderar Europa aquel que cre en Europa. Hai moita xente que pensa que Europa non é importante pero o 70% das decisións que nos afectan veñen directamente de Europa", subliñou, en declaracións aos medios e no marco dunha visita á renovada Praza do Ferrol da capital lucense, o líder dos socialistas galegos.
Besteiro, acompañado do presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, a viceportavoz do Grupo socialista no Parlamento galego, Lara Méndez, e outros cargos municipais e provinciais do PSdeG, apelou durante a súa intervención a apostar por unha Europa "forte" e "unida" fronte aos partidos de dereita e ultradereita que "queren unha Europa dividida" e aqueles que desde a esquerda "non cren na Constitución europea".
"ZURDAZO POLA ESCUADRA"
O candidato do PSdeG ás eleccións europeas, Nicolás González Casares, asegurou que este domingo meterán "un zurdazo pola escuadra" a un PP que "xoga ao empate" e ao que "van gañar". Así o declarou este venres aos medios de comunicación nun acto electoral na localidade pontevedresa de Vilagarcía de Arousa onde estivo acompañado polo alcalde, Alberto Varela, xunto ao que realizou un percorrido polo paseo de Canelas.
Casares remarcou que "defender Europa" significa "defender os servizos públicos, os da saúde" tal e como "fixeron durante a pandemia". "Esa é a Europa que nós queremos", enxalzou. "Unha Europa que avance, que rexenere e non unha que dexenere e retroceda como pretende a dereita, sobre todo un PP que hoxe en día é imposible diferenciar, que está a xogar ao empate e ao que lle imos a meter un zurdazo este domingo pola escuadra e imos gañar", esgrimiu.
Porque Europa, Galicia e España, continuou, "queren máis avance, progreso" e "non homes de negro, retroceso, branco e negro e aburrimento". En canto ao paseo de Canelas, Casares remarcou que é unha "clara mostra" do que promove Europa, mobilidade sustentable que "permite facer ás cidades máis amables". "Vemos que hai outras cidades gobernadas polas forzas reaccionarias, pola dereita e ultradereita, que queren reverter esta situación, que queren facer menos habitables ás cidades", criticou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.