Por E.P. | Santiago de Compostela | 07/06/2024 | Actualizada ás 19:00
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou este venres no Arquivo de Galicia a exposición 'Mentes no labirinto: saúde mental, cultura e inclusión', que pode verse gratuitamente ata o 17 de outubro. A mostra reúne documentos procedentes no seu maior parte do fondo documental do Hospital Psiquiátrico de Conxo (Santiago), custodiados no propio arquivo do Monte Gaiás, pero tamén do antigo Hospital Psiquiátrico de Toén (Ourense) e do seu herdeiro, o Hospital Psiquiátrico de Piñor.
Explican que a través destas pezas, 90 documentos e 20 obras de pequeno formato (pinturas e esculturas), faise un percorrido pola historia destas institucións, "extrapolando o seu contido ao tratamento en xeral das enfermidades mentais en Galicia desde finais do século XIX ata a actualidade". "Esta exposición volve pór en valor o traballo dos profesionais dos arquivos e a preservación dos fondos documentais, esenciais para comprender moitos aspectos da vida como é neste caso a saúde mental, podendo abordar o tema abertamente", apuntou.
Destacou ademais que é "unha xanela ao mundo" que mostra o traballo "conxunto e transversal" dos traballadores da sanidade e do mundo da cultura para "ofrecer propostas que buscan humanizar e non estigmatizar, tratando de facer unha sociedade máis inclusiva".
No acto de inauguración estivo acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; pola subdirectora xeral de Arquivos e Centros Museísticos, María del Carmen Calviño; pola psiquiatra do Centro Hospitalario Universitario de Ourense, Alcira Cibeira; e polos comisarios da mostra, Mar García Miraz e Miguel López.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.