Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/06/2024 | Actualizada ás 12:47
A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Paloma Castro, denunciou a "falta de política" contra o lixo mariño por parte da Xunta, que demostra que "non aprendeu a lección da contaminación por pélets deste inverno".
Así o sinalou nun comunicado, no que o PSdeG explica que a parlamentaria autonómica presentará unha iniciativa no pleno desta semana, coincidindo coa celebración, este sábado 8 de xuño, do Día Mundial dos Océanos.
A política socialista esixiulle ao Goberno galego que cumpra co acordo parlamentario aprobado por iniciativa dos socialistas o 8 de xuño de 2021, co compromiso de crear unha partida orzamentaria con fondos propios para implementar programas de recollida e recuperación de residuos mariños. Tamén reclamaba "campañas de información e sensibilización sobre o papel da cidadanía na loita contra a contaminación plástica e do lixo mariño".
Castro cualificou de "broma de mal gusto" que o Goberno galego non movese un só papel para despregar un plan específico de recollida e reciclaxe dos residuos mariños precisamente no ano do investimento por pélets na costa galega.
O caso demostrou que, "fóra da nefasta xestión levada a cabo polo goberno galego, os equipos de recollida feitos ad hoc demostraron que existe unha gran cantidade de plásticos que chegan todos os días ás nosas costas". Así mesmo, recalcoulle á Xunta que implemente políticas propias de loita contra o lixo mariño, a través dun programa propio con obxectivos cuantitativos e cualitativos "que permita mellorar a situación" actual.
Castro cualificou o compromiso da Xunta co medio ambiente de "puro postureo", despois de constatar que o Plan Mar Limpo 2016-202 foi concibido para "salvar os mobles" pola escasa ambición e unha actuación "moi limitada" con relación á dimensión do problema da contaminación mariña. Ademais, reclamou un "compromiso real" con orzamento concreto para superar "maquillaxes e lavados de face" e financiar programas de recollida de lixo mariño no mar.
Tamén propuxo a instalación de estruturas adecuadas de almacenaxe de refugallos a bordo, o financiamento dos custos de tratamento de residuos, investimentos nos portos para a recepción e almacenamento das artes de pesca perdidas e os refugallos mariños recolleitos, e programas de senibilización.
Ademais, avoga por realizar avaliacións anuais dos residuos recolleitos como medida eficaz á hora de loitar contra a contaminación mariña. A parlamentaria socialista criticou o desinterese do Goberno galego en materia de medio ambiente, coa Lei de residuos que foi aprobada en febreiro deste ano pero que, segundo indicou, xa naceu "extemporánea", redactada fai seis anos sen adaptarse á directiva europea de residuos de 2019.
"A lei chega sen incorporar as esixencias comunitarias para a xestión dos plásticos, un dos principais contaminantes dos mares, e que tampouco contempla realidades como a covid-19 e os residuos que xera", dixo Castro, que alertou tamén da "nefasta xestión das augas residuais", cando o "Goberno galego segue sen aprobar o plan de rexeneración das rías galega,s tras a "multa millonaria imposta pola UE a España en novembro de 2018".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.