Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 14/06/2024 | Actualizada ás 21:30
Estamos xa na segunda semana de xuño, os máis pequenos están próximos a rematar o curso e co tempo acompañando xa se nota a chegada do verán. Isto tamén se traduce nas vacacións xa pechadas ou nas visitas ás axencias para mirar esa ansiada viaxe de desconexión. "Cando se contrata unha viaxe especialmente a un destino máis exótico como Exipto, Vietnam ou Riviera Maya, pénsase moito nos trámites, visado, moeda, cobertura ou datos móbiles, e esquecémonos de algo tan importante como o seguro de saúde", afirma Héctor Castiñeira, enfermeiro, divulgador sanitario e máis coñecido nas redes sociais como Enfermera Saturada. Nesta reportaxe abordamos distintas cuestións do ámbito sanitario á hora de facer unha viaxe, desde custos da asistencia sanitaria no extranxeiro a vacinas recomendadas.
O primeiro a ter en conta é o destino escollido. Dentro da Unión Europea, tal e como expresa Héctor, en principio chegaría coa Tarxeta sanitaria europea, que cubriría a asistencia sanitaria nos 27 países membros. Pode solicitarse de balde, pero ollo, que hai algo no que moita xente non depara: "Tes esa cobertura en iguais condicións que os residentes dese país, algo que especifican e pode pasar desapercibido. Quere dicir que se os residentes de ese país, polas súas normas, teñen copago ou que pagar algo cando van a Urxencias, ti tamen terás que pagalo e cando volvas a España non poderías reclamar nada".
Se decides ir fóra da Unión Europea, esa tarxeta non tería efecto e precisarías dun seguro sanitario. "Unha cousa é o seguro de viaxe, ese por si se nos perden as maletas, ou unha semana antes da viaxe estamos enfermos ou un familiar ingresa no hospital, é diferente ao seguro sanitario de viaxe", comenta e engade que serviría para, en caso de ter un percance no extranxeiro, estar tranquilo. Polo xeral, Enfermera Saturada, indica que a xente se pensa que non vai a pasar nada e non ten por que pasar, de feito, na maior parte das veces non se precisa ir ao médico e a "viaxe remata como queremos que remate". Porén, o problema sucede cando se produce algo que pode pasar en calquera momento, como unha apendicite, un infarto, unha escordadura de nocello ou mesmo que nos atropelen. "Isto pode pasar en calquera lugar, entón aí é onde entraría en xogo ter unha cobertura sanitaria medio decente, podemos dicir".
DE CANTO DEBERÍA SER O NOSO SEGURO? MÁIS DE 100.000 EUROS?
"En ocasións imos ao barato con ese seguro de 20 euros por persoa para 15 días cunha cobertura sanitaria de 30.000, que se non controlas prezos sanitarios, pode parecer moito, pero que se van en nada", expón. Para facernos unha idea, unha noite na UCI "en Estados Unidos son uns 7.000 euros, en México uns 6.000 i en Tailandia, 5.000 euros". Indica que tamén neses países extranxeiros tenden a mandar a UCI aínda que non se precise, para así cobrar do seguro vendendo maior "vixilancia e seguridade para o paciente". Entón, no caso práctico de levar ese seguro de 30.000 a uns destes países, se á estancia na UCI se lle suma o traslado en ambulancia, a atención en Urxencias, probas e medicamentos, "os 30.000 euros xa se esgotaron". Iso suporía un problema serio e ter que pagar do teu peto ou acabar na rúa: "Estamos acostumados ao sistema sanitario que temos aquí afortunadamente, pero noutros páises non é así, se xeras unha débeda co hospital ou te mandan a outro de peores condicións ou directamente para a rúa".
As axencias de viaxe deberían asesorar e avisar desta cuestión tan importante e Héctor cifra unha boa cobertura nuns 400.000 ou medio millón de euros: "O seguro de viaxe máis grande que atopei está nun millón de euros, que para unha viaxe de 15 días, suporían 90 euros para esa persoa. Ese gasto a maiores de 90, 80 ou 60 euros darache unha tranquilidade en moitos sentidos". Nesta liña, sinala que ademáis do destino en si, tamén hai que ter en conta o tipo de turismo, non é o mesmo ir facer "trekking a Nepal ou percorrer a cidade de Estambul ou ir a Exipto coa típica viaxe de touroperador". Tamén á hora de contratar ese seguro, inflúe moito a idade e o estado de saúde no que viaxan. Está claro que cunha febre a unha persoa nova e sá non suporía hospitalización, pero a quen tiña outras patoloxías si pode conlevar a un ingreso.
Por último, outro punto moi destacable é que a mencionada Tarxeta sanitaria europea non serve en casos de repatriación. "Se tes que estar ingresado en Estambul e teñen que traerte nun avión medicalizado, aí xa só nesa repatriación adoitan estar entre 150 ou 200.000 euros, se tes ese seguro de 30.000 euros xa non podes voltar ao teu país en avión medicalizado", incide o divulgador sanitario. Os servizos asociados á saúde son especialmente caros e as veces non se é consciente. Héctor menciona que os prezos do Sergas, que figuran no DOG, son un claro exemplo: "Unha resonancia magnética son 800 euros, unha consulta de Urxencias no PAC son case 300 euros ou unha cirurxía de varices, 2.000 euros. Se fósemos pagar seriamos conscientes dos prezos, aínda que, afortunadamente, todos pagamos cos impostos e non hai que desembolsar directamente".
E COMO SABER QUE VACINAS SERÍAN RECOMENDABLES?
Outra cuestión relevante á hora de viaxar a destinos máis exóticos está nas vacinas. As que son obrigatorias xa se teñen en conta, pero e que pasa coas que serían recomendables? Como se sabe? Héctor Castiñeira comenta que en todos os hospitais do Sergas hai unha consulta denominada "consulta de vacinación internacional ou consulta do viaxeiro". Ao pedir cita na mesma, recibirás recomendacións sobre vacinas ou medicación, en función do estado de saúde e tipo de turismo que vas facer. "Cada vez é máis habitual apostar por destinos como Exipto, Camerún ou mesmamente este grupo de españois que viaxou a Afganistán", sinala. En Exipto ninguén che vai a esixir que leves posta "a vacina da zebra amarela", pero si que hai outras recomendadas, que moitas veces, por non acudir a este tipo de consulta, non se poñen como "a da febre tifoidea", moi habitual por alimentos ou auga contaminada, ou "a da hepatite A". En Camerún, comenta, só é obrigatoria a da febre amarela. Nesta consulta tamén informarían sobre os protectores de mosquito idóneos, xa que os que hai aquí non teñen que ver cos de aló: "No suroeste asiático poden transmitir outra serie de enfermidades ou virus e non ser efectivos os protectores de aquí".
"Cando saímos fóra a seguridade alimentaria non é a mesma, moitas veces, por falta de hixiene ou porque a lexislación non o contempla e non existe unha normativa como tan", manifesta e entre as principais recomendacións indica que "prohibido beber ou lavar os dentes con auga da billa, algo que temos que evitar sobre todo neses destinos máis exóticos, sempre auga de botella". Sobre os postos de comida na rúa, tamén advirte de que se descoñece a situación de conservación e condicións hixiénico sanitaris deses alimentos, polo que se deberían evitar. Non comer alimentos crus ou froita que non hai que pelar porque pode estar contaminada con auga da billa e traducirse nunha salmonelose grave ou infección intestinal. "Sempre cociñados, ben cociñados e se podemos ver como o fan directamente, moitísimo mellor", sinala e conlúe a modo de repaso que é importante planificar ben as viaxes e ter moi en conta todo o plano sanitario, informarse ben nesas consultas do país de destino e asesorarse en función do estado de saúde de cada quen.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.