Radiografía do PSdeG o 9X: de ser a forza máis votada en 127 concellos no 2019 a selo en só 7 no 2024

Ademais perde o liderado que mantiña en todas as principais cidades galegas agás en Vigo. A candidatura de Agora Repúblicas deixa de ser a primeira forza nos 4 municipios nos que o era fai catro anos e quédase como líder unicamente en Vilar de Santos. Gonzalo Caballero pide un cambio de rumbo en Galicia.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 10/06/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O afundimento sufrido polo Partido Socialista en Galicia durante as autonómicas trasládase tamén ás eleccións europeas. O partido encabezado este 9X por Teresa Ribera acadou en Galicia un total de 301.213 votos (un 27,01 %), quedándose 185.173 do PP, primeira forza con 486.386 votos (o 43,62 %). Lonxe quedan eses 507.690 votos (un 35,05 % do total) colleitados polo PSOE en Galicia no 2019, superando folgadamenta a un PP que sacara por aquel entón 431.782 votos (o 29,81 %). Agora ben, cales foron os concellos que deron as costas aos socialistas este ano con respecto ao 2019? Analicemos os resultados concello a concello.

A vicepresidenta terceira e ministra de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera
A vicepresidenta terceira e ministra de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera | Fonte: Alejandro Martínez Vélez - Europa Press.

A situación é alarmante se vemos o mapa de forza máis votada por concellos: en toda Galicia predomina a cor azul do PP agás en 8 concellos, 7 deles coa cor vermella do PSOE: Entrimo (co 55,72 % dos votos), Calvos de Randín (50,44 %), Ribeira de Piquín (58,2 %), Pedrafita do Cebreiro (52,18 %), A Capela (35,19 %), Fornelos de Montes (39,77 %) e Vigo (34,76 %) (como única gran cidade galega que presta apoio maioritario aos socialistas). Botando a vista catro anos atrás, no 2019 había nada menos que 127 concellos que escolleran como forza máis votada ao Partido Socialista (120 máis que agora) e, entre eles, as sete grandes cidades galegas: A Coruña (36,64 %), Vigo (44,68 %), Ourense (38,37 %), Lugo (35,27 %), Pontevedra (34,45 %), Ferrol (35,26 %) e Santiago (31,8 %). 

A lista dos demais concellos que votaran polo PSOE nese 2019 como primeira forza é a seguinte: Cariño (cun 38,79 % dos votos), Cedeira (37,79 %), Ortigueira (34,45 %), Cerdido (46,23 %), Valdoviño (45,35 %), Narón (35,2 %), Neda (44,93 %), Ares (36 %), Mugardos (34,7 %), Fene (33,15 %), Cabanas (32,39 %), A Capela (49,3 %), Pontedeume (40,21 %), As Pontes de García Rodríguez (50,64 %), Miño (40,01 %), Paderne (40,92 %), Betanzos (39,08 %), Bergondo (37,51 %), Sada (32,14 %), Oleiros (33,89 %), Cambre (37,51 %), Culleredo (44,42 %), Arteixo (34,4 %), Carral (36,49 %), Cerceda (43,26 %), Carballo (31,17 %), Ponteceso (43,43 %), Camariñas (50,39 %), Vimianzo (43,5 %), Muxía (43,55 %), Dumbría (59,35 %), Corcubión (32,86 %), Fisterra (32,86 %), Carnota (33,39 %), Muros (33,65 %), Negreira (37,45 %), Brión (37,97 %), Ames (31,87 %), Teo (30,07 %), A Pobra do Caramiñal (30,36 %), Mesía (44,64 %).

A eles súmanse tamén: Boiro (30,5 %), Rianxo (29,4 %), Catoira (40,96 %), Vilagarcía de Arousa (40,47 %), A Illa de Arousa (44,02 %), O Grove (38,16 %), Ribadumia (33,82 %), Caldas de Reis (38,16 %), Cuntis (40,88 %), Silleda (39,67 %), Vilaboa (35,28 %), Moaña (28,02 %), Cangas (27,25 %), Ponte Caldelas (38,53 %), Fornelos de Montes (59,38 %), Redondela (38,14 %), Nigrán (42,3 %), Gondomar (40,84 %), Baiona (32,92 %), Tui (36,79 %), O Porriño (32,58 %), Mos (36,1 %), Ponteareas (31,04 %), Salvaterra de Miño (35,76 %), Mondariz (27,76 %), Carballeda de Avia (58,57 %), Ribadavia (39,33 %), Castrelo de Miño (33,36 %), O Carballiño (39,35 %), Maside (47,52 %), San Amaro (37,98 %), Punxín (39,21 %), Amoeiro (43,92 %), Coles (48,81 %), Barbadás (35,57 %), Taboadela (40,51 %), Monfero (38,26 %), Xermade (39,77 %), Vilalba (37,94 %), Guitiriz (36,56 %), Sobrado (49,39 %).

E tamén: Sandiás (37,13 %), Vilar de Santos (25,87 %), Calvos de Randín (67,92 %), Entrimo (60,67 %), Verín (36,93 %), Castrelo do Val (48,26 %), A Mezquita (38,23 %), Parada de Sil (57,78 %), Castro Caldelas (46,2 %), San Xoán de Río (39,93 %), Ribas de Sil (51,27 %), A Pobra de Trives (42,21 %), A Rúa (34,37 %), Vilamartín de Valdeorras (42,6 %), Petín (53,58 %), O Barco de Valdeorras (42,6 %), Monforte de Lemos (40,84 %), A Pobra de Brollón (34,77 %), Sarria (32,38 %), Láncara (41,81 %), Samos (39,6 %), Pedrafita do Cebreiro (69,09 %), Castroverde (49,23 %), Cervantes (48,68 %), Navia de Suarna (46,97 %), A Fonsagrada (44 %), Pol (53,42 %), Ribeira de Piquín (66,66 %), Meira (45,84 %), A Pontenova (55,75 %), Trabada (48,25 %), Ribadeo (30,44 %), Lourenzá (36,12 %), Foz (37,09 %), Alfonz (44,88 %), O Valadouro (35,82 %), Ourol (50,84 %) e Viveiro (41 %).

OS SOCIALISTAS SÓ SUPERAN O 50 % DOS VOTOS EN ENTRIMO, CALVOS DE RANDÍN, RIBEIRA DE PIQUÍN E PEDRAFITA DO CEBREIRO

Como pode observarse, os 7 concellos onde os socialistas se manteñen como primeira forza neste 2024 tamén o eran no 2019, se ben nestes catro anos foron perdendo apoios: en Entrimo pasaron de colleitar o 60,67 % no 2019 ao 55,72 % actual (5 puntos menos); en Calvos de Randín caeron do 67,92 % ao 50,44 % (17 puntos menos); en Ribeira de Piquín baixaron dende o 66,66 % ao 58,2 % (8 puntos menos); en Pedrafita do Cebreiro pasaron do 69,09 % ao 52,18 % (17 puntos menos); na Capela caeron do 49,3 % ao 35,19 % (14 puntos menos); en Fornelos de Montes baixaron do 59,38 % ao 39,77 % (20 puntos menos); e en Vigo caeron do 44,68 % ao 34,76 % (10 puntos menos).

Así as cousas, agora só superan o 50 % dos votos en Entrimo, Calvos de Randín, Ribeira de Piquín e Pedrafita do Cebreiro. Cando no 2019 o facían nas Pontes de García Rodríguez, en Camariñas, en Dumbría, en Fornelos de Montes, en Carballeda de Avia, en Entrimo, en Parada de Sil, en Petín, en Pedrafita do Cebreiro, en Pol, en Ribeira de Piquín, na Pontenova e en Ourol. Así que mesmo en zonas da ría de Ferrol e na Mariña lucense, con ampla tradición socialista, o PSOE sufriu nestas europeas unha perda de votos moi considerable, deixando en moitos destes concellos paso como primeira forza aos populares.

AGORA REPÚBLICAS, A PESARES DE GAÑAR VOTOS, SÓ FOI A FORZA MÁIS VOTADA EN VILAR DE SANTOS E QUEDOU COMO SEGUNDA FORZA EN 18 CONCELLOS

Polo que respecta a Agora Repúblicas, candidatura europea na que está incluída o BNG de Ana Miranda, o número de votos non sufriu baixada, de feito mesmo subiu lixeiramente: pasando de colleitar 171.500 votos no 2019 a 179.905 neste 2024. Así, pasaron do 11,84 % dos apoios ao 16,13 % (xa que ao reducirse notablemente a participación, cada voto deste ano aporta máis ao total que o voto individual do 2019). Con todo, non lograron manterse como primeira forza nos catro concellos nos que o foran fai catro anos: San Sadurniño (caeu do 39,58 % ao 24,93 %, gañando o liderado o PP), Moeche (baixou do 48,37 % ao 28,1 %, gañando o liderado o PP), Allariz (baixou do 40,71 % ao 33,07 %, gañando tamén o PP) e Baños de Molgas (caeu do 35,77 % aos 15,52 %, quedando como terceira forza por detrás do PP e o PSOE). Iso si, foi a forza máis votada en Vilar de Santos, co 39,61 % dos apoios, arrebatándolle ese lugar ao PSOE, que fora o partido máis votado no 2019.

Ademais, como segunda forza Agora Repúblicas só quedou en 18 concellos: Moeche, San Sadurniño, Vilasantar, Toques, Melide, Arzúa, Santiso, Rianxo, Porto do Son, Ribeira, Pontecesures, Moaña, Soutomaior, Verea, Allariz, Xunqueira de Ambía, Montederramo e A Teixeira. Todos os demais concellos onde a forza máis votada foi o PP (agás en Vilasantas onde foi o propio Ahora Repúblicas), elixiron como segunda forza ao PSOE (a excepción de Boimorto, onde a segunda forza foi Vox).

GONZALO CABALLERO

Antes estes resultados, o que foi o secretario xeral do PSdeG Gonzalo Caballero pediu un cambio de rumbo no Partido Socialista de Galicia tras as "caídas continuas" de apoio da formación en recentes procesos electorais.

Nunha mensaxe publicada nas súas redes sociais, o que fose xefe de filas do PSdeG avisa de que o Partido Socialista baixou en Galicia "case tres veces máis que en España", situando unha vez máis á galega entre "as comunidades con maior caída" da formación en España.

Tras sinalar a súa "preocupación" pola situación, Gonzalo Caballero lembra que nas europeas de 2019 o PSdeG "foi a forza máis votada", con 511.246 votos e o 35,07% e incide en que este domingo os socialistas galegos obtiveron 301.213 votos, o 27.01%. "En 2019 o PSdeG gañou ao PPdeG por 76.000 votos e agora gáñannos por 185.000", indica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta