Rueda defende os pactos do PP coa ultradereita pero aclara: "Gústame máis a situación de Galicia"

O presidente galego destaca os "grandes resultados" do PP en Galicia e defende a continuidade de Feijóo ao fronte deste partido: "Gañou todas as eleccións ás que se presentou".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/06/2024 | Actualizada ás 15:24

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta amosouse moi satisfeito este luns polos "grandes resultados" que o PP obtivo en Galicia, dos mellores de todo o Estado. De feito, Lugo e Ourense foron as provincias con máis respaldo popular no conxunto do Estado. Unha situación que Alfonso Rueda dixo que é debido ao seu modelo de "sentidiño e a moderación, que é o que os galegos queren", o que impide, segundo el, o ascenso da ultradereita, tal e como aconteceu no resto de España.

Feijóo e Rueda cen o mitin de peche de campaña.. Gustavo da Paz - Europa Press
Feijóo e Rueda cen o mitin de peche de campaña.. Gustavo da Paz - Europa Press

Por iso, destacou en Galicia "non hai lugar" para a estrema dereita. De feito, os resultados de Vox e de Que Se Acabe La Fiesta xuntos non chegan ao 5%. "O partido de Alvise tivo o segundo peor resultado nunha autonomía e o de Vox é testemuñal", destacou. Con todo, defendeu os pactos que a súa formación mantén coa ultradereita en varias autonomías.

"Que en Galicia non teñan eses niveis de apoio non significa que non funcionen os pactos noutros lugares porque favorecen a gobernaiblidade", afirmou. "O ideal é non facelos pero estas coalicións son entendibles alí onde están e os meus compañeiros están gobernando sen renunciar aos seus principios", engadiu. "Aínda que me gusta máis o modelo de Galicia", engadiu ao referirse a súa maioría absoluta e sen presenza da ultradereita na Cámara galega.

FEIJÓO

Por outra banda, Rueda volveu defender o liderato de Feijóo ao fronte do PP, tras obter un "empate técnico" co PSOE nestes comicios. "Sempre que houbo eleccións --desde que está Feijóo--, gañounas o PP. Os resultados son bos e o que mostran é unha progresión á alza do PP que nestas europeas foi moi importante", engadiu. 

Este martes os populares celebrarán un Comité Executivo ao que asistirá o presidente galego. Alí, dixo, defenderá o resultado electoral acadado en Galicia, "un dos mellores do Estado" e onde os resultados de Vox e Que Se Acabe La Fiesta "son residuais". De feito, Rueda dixo que Feijóo o felicitara polos resultados en Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta