Casares (PSdeG), ante o acordo BNG-ERC: "Serei o único eurodeputado que vive en Galicia e estará toda a lexislatura"

Paula Prado (PPdeG) lamenta que o "escano galego" do BNG resultou ser "a tempo parcial".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/06/2024 | Actualizada ás 17:44

Comparte esta noticia

O elixido eurodeputado galego do PSdeG, Nicolás González Casares, mostrouse "sorprendido" polo acordo polo cal ERC e BNG se repartirán o terceiro e último escano da coalición Agora Repúblicas no Parlamento Europeo. "Vou ser o único eurodeputado que vive e reside en Galicia que vai estar toda a lexislatura no Parlamento Europeo", afirmou nunha mensaxe a través das redes sociais. "Sen trucos", agrega.

Así se expresou en función do acordo entre Bloque e Esquerra para repartirse o tempo do escano en función dos votos obtidos por cada formación nos seus respectivos territorios. Deste xeito, segundo detallaron este luns fontes dos republicanos, o número 2 de ERC ás europeas, o meteorólogo de TV3, Tomàs Molina, exercerá como eurodeputado nunha parte da lexislatura, nunha repartición do escano que ocupará Ana Miranda (BNG).

O candidato socialista ás eleccións europeas, Nicolás González Casares, nun acto en Maceda
O candidato socialista ás eleccións europeas, Nicolás González Casares, nun acto en Maceda | Fonte: PSDEG

PAULA PRADO LAMENTA QUE O BNG "ESTAFASE A GALICIA"

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, lamentou este luns que o BNG "estafase a Galicia" xa que o seu "escano galego" resultou ser "a tempo parcial", despois de coñecerse que a eurodeputada Ana Miranda compartirá a metade do seu posto con Esquerra Republicana de Catalunya.

"Ao Bloque non lle chegou con ocultar aos seus socios, Bildu e ERC, durante toda a campaña, que tamén faltou á verdade a todos os galegos respecto do que ía ocorrer co seu representante, que agora pasa a ser medio eurodeputada", criticou Prado. Ela tachou de "descaro" este "engano" e considerou que, despois disto, Ana Miranda "non merece representar a Galicia no Parlamento Europeo".

"Ana Pontón coñecía que ía pasar isto desde que asinou o acordo cos seus socios independentistas, pero preferiu xogar cos votos dos galegos. Despois da súa derrota nas autonómicas, este é un motivo máis do principio do seu fin", engadiu Paula Prado.

A pesar de todo, celebrou que Galicia vaia a ter dous eurodeputados do PPdeG "a tempo completo", Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez, que "non van estar atados ao independentismo vasco e catalán e van dispor de toda a lexislatura para traballar polas cuestións da nosa Comunidade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta