Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 10/06/2024 | Actualizada ás 18:01
Persoal da recollida de lixo do Concello de Carballo irá á folga coincidindo coas festas de San Juan polo "bloqueo", denuncian, na negociación do convenio colectivo por parte da concesionaria.
Así o anunciaron nunha rolda de prensa este luns na que tamén rexeitaron as propostas económicas trasladadas pola empresa e que tacharon de "miseria". "Apenas se moveu un 0,5% desde o inicio das negociacións", argumentaron.
A decisión de convocar folga foi aprobada pola asemblea de traballadores e traballadoras "ante a negativa da UTE Carballo a presentar unha oferta salarial que garanta o mantemento do poder adquisitivo e que permita ter unhas retribucións dignas no servizo de recollida de lixo, a canceira e o punto limpo".
As xornadas de folga desenvolveranse das 22.30 horas do domingo 16 de xuño ás 15.00 horas do luns 17 de xuño; os días 20 e 21 na mesma franxa horaria; e desde as 22:30 horas do domingo 23 ata as 13.05 horas do martes 25 de xuño.
O secretario da Unión Local da CIG de Carballo, Martín Caamaño, que compareceu xunto co delegado de persoal, Juan Antonio Rivero, denunciou que os traballadores e traballadoras "están a cobrar o salario mínimo interprofesional" e que a empresa presentou unhas táboas "nas que os soldos no ano 2024 quedarían pouco máis de 20 euros mensuais por encima do SMI".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.