Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 15/06/2024 | Actualizada ás 22:00
Se che digo roller derby, sabes dicir de que trata? No Galicia Confidencial continuamos visibilizando diferentes disciplinas deportivas, nas anteriores entregas coñecemos máis sobre billarda, petanca, rugby, fútbol gaélico ou chave. Viaxamos ata Estados Unidos, nos anos 20, onde nace o denominado roller derby, un deporte de contacto, velocidade e estratexia. "Tivo os seus inicios coas carreiras en velódromo de patíns, coincidindo coa primeira crise grande deses anos e comezou a derivar en espectáculo", así o expón Percebeira, nome derby de Rosalía Varela, pintora artística e xogadora de As Brigantias de A Coruña. Da súa man imos facer un percorrido por este deporte. Destaca que foi "moi inclusivo con todo tipo de xéneros e de identidades" desde as orixes e o espectáculo baseábase no bloqueo, en impedir que os rivais lles pasaran por diante con golpes. "Isto, anos despois, reviviu con menos espectáculo e máis seriedade", afirma.
Na actualidade, o deporte caracterízase polo bloqueo, polo corpo a corpo, pero xa con moitas normas, coma no rugby, para garantir unha práctica segura. "Avanzou máis cada vez ata chegar ao roller derby de hoxe, sobre pista plana, hai outra modalidade que só se xoga en Estados Unidos, peraltada, como nun velódromo pequeno", comenta. Deu o salto hai uns 10 ou 20 anos a Europa e en España introduciuse polo antigo equipo de Tenerife, "as primeiras en montar un equipo".
Os inicios en Galicia non foron doados, xa que non había referentes próximos. Sereas Bravas de Vigo e As Brigantias de A Coruña, foron os equipos pioneiros, sendo o coruñés o primeiro equipo galego no 2012. Unha disciplina considerada deporte olímpico. Iso sí, Rosalía explica que con normas variadas ás orixinais da asociación WFTDA (Women's Flat Track Roller Derby Association), a fundadora. Aínda que se practica maioritariamente por mulleres, tamén hai equipos masculinos, en todos os continentes do mundo no que se xoga: "Podes xogar no equipo no que sintas que é o teu xénero, ninguén che vai pedir explicacións, é totalmente adaptativo, non consideramos que exista unha maior vantaxe só por ter un corpo ou outro, inclúe todo tipo de corpos, enorme ou pequena, pesar máis ou menos, alta ou baixa, sempre vai haber un oco, ser áxil ás veces compensa non ser tan forte, e ao revés".
E COMO SE XOGA AO ROLLER DERBY?
O primeiro que chama a atención son os nomes que figuran en cada camiseta, xa que Rosalía ten de nome derby, Percebeira. Isto ten unha explicación: "Ao bautizarte no roller derby levas un alter ego. Moi en relación coa historia LGTBIQ+ do deporte, xa que desde o principio quen máis xogaba e mantivo este deporte, era a xente do colectivo. Nos anos 20, nos 30 e ata, por desgraza, recentemente, a xente do colectivo non podía empregar o seu nome, tiñan que ter especial coidado coa súa identidade porque podería resultar perigoso. Entón, elixías o teu nome de guerra, o que ti quixeras". Desta maneira, afirma, polo xeral soe ser algo que se escolle, que "soe de tipa dura ou algo gracioso ou que teña un valor especial para ti". O número tamén se elixe, así levarás ese nome e dorsal na camiseta.
Como primeira característica do xogo destaca que son "carreiras en patíns", con "patíns quads, non de liña, como os do hockey". En cada equipo xogan cinco xogadoras na pista e unha de cada equipo leva unha estrela no casco e denomínanse jammers. Comezan dende un pouco máis atrás ca o resto e o seu labor é, no tempo que se lles outorgan, dar o maior número de voltas á pista posible. Por cada xogadora do equipo contrario que pase vai ter un punto nesa carreira, o labor das outras catro xogadoras é impedirlle á jammer contraria que as pase co seu propio corpo. A función do balón sería a jammer, o balón ten conciencia propia. "A jammer por cada cadeira que pasa do equipo contrario, marca un punto, tamén, ai ir primeiro, gaña o poder de cortar a carreira cando queira". En canto á duración, o "máximo de cada carreira son dous minutos" e o cronómetro, como pasa noutros deportes, párase por revisión de faltas ou interrupcións. Os partidos teñen dous tempos de 30 minutos cada un, pero o tempo real depende dese cronómetro.
Cantas xogadoras entran na convocatoria? "As carreiras soen ser moi intensas, en velocidade e forza, polo que levamos mínimo unhas nove persoas ata chegar ao máximo de 20 xogadoras no roster, na aliñación. En cada carreira van saíndo e cambiando ou repiten dependendo da estratexia e segundo o que se necesite".
E COMO SE COMPITE? QUE OPCIÓNS HAI?
En Galicia, existe a Liga Galega Roller Derby, na que compiten distintos equipos de Galicia: Sereas Bravas de Vigo, Brigantias de A Coruña, Irmandiñas de A Coruña, Jabatas de Ourense e Negra Sombra de Pontevedra. Logo está a liga nacional coa asociación de ARDE, fundada desde os propios equipos, a Asociación de Roller Derby Española (ARDE) con competición a nivel nacional, na que hai ao redor duns "30 equipos por toda España". Cada ano celébranse ambas, a Nacional ten unha clasificación durante o ano e logo hai unha final, na que se fan os últimos partidos para decidir os últimos postos, nunha fin de semana específica. Na Galega teñen varias sedes e eventos, non é tanto de ir acumulando, e tamén se disputa a Copa federativa de Roller Derby."Competimos todo o ano á Española e intercalamos coa Galega", afirma Rosalía.
Tamén existe un ránking mundial WFTDA no que vas puntuando durante o ano e se quedas no top podes chegar á "Champions de Roller derby", con equipos de todo o mundo e xogando un playoff en diferentes cidades do mundo, como en A Coruña, coa correspondente final. A nivel de selección, dispútase un Mundial cada catro anos e "España quedou de novena no primeiro mundial ao que foi", que valora como "bastante alto".
Entre os recoñecementos, As Brigantias gañaron a I Copa Federativa Galega: na temporada 2021-22 no ránking Arde quedaron en terceira posición co Team Galicia, "amálgama de todos os equipos galegos que foron competir". Desta maneira ían como mínimo unha xogadora de cada conxunto. Actualmente, Rosalía comenta a situación deste ránking con ata 33 equipos de toda España: "Estamos cuartas a nivel español e Sereas Bravas de Vigo, sextas". Tal e como pasa no clásico dos clásicos en Galicia, Celta de Vigo contra Deportivo da Coruña, aquí tamén teñen o seu clásico con estas dúas cidades implicadas. Nesta tempada enfrotáronse, as Sereas Bravas de Vigo contra As Brigantias de A Coruña, na Liga ARDE, con victoria para ás da cidade herculina.
No que atinxe ao ritmo de competición nun equipo como As Brigantias, destaca que pode xogar nun mes un ou dous partidos ou ningún, nunha tempada que vai de setembro a xuño. "Se houbera máis equipos, sería máis regular, pero a situación é a que é. Temos que pagar as pistas, a equipación, as viaxes e hai pouca subvención, polo xeral, intentase aforrar e organizar da maneira máis eficiente. De aí, que se fagan triangulares con varios partidos nunha soa xornada", manifesta.
"É UN DEPORTE QUE EMPODERA MOITÍSIMO"
De xogar ao roller derby, Rosalía, máis coñecida como Percebeira, destaca beneficios como a ruptura cos estereotipos de xénero que asocian á muller con deportes de flexibilidade ou harmonía: "Na miña xeración, as mulleres eramos máis de ximnasia rítmica, mentres o meu irmán ía a judo, porque se supón eran deportes máis bonitos". Neste sentido, fai fincapé en que é un deporte que empodera moitísimo co coñecemento de ata onde podes chegar co teu corpo, tanto en forza, axilidade como velocidade. "É un deporte co que podes soltar todo e botar a enerxía fóra", confesa.
Outro punto no que se para é que é moi "horizontal" e que fomenta o contacto coa compañeiras non só no plano deportivo. "Non debería ser o noso labor porque os equipos soen ter unha federación, pistas, subvencións... Pero como positivo, empodera moitísimo, o feito de ser quen de organizar de maneira social e loxística todo, con traballo en equipo constante", indica. Fronte aos prexuízos por ser un deporte de contacto, sinala: "Como calquera outro deporte deste estilo, implica lesións, pero polo xeral, nada fóra do normal. Imos ben protexidas con cascos, bucal, protección nos xeonllos, nos cóbados e incluso hai camisetas interiores acolchadas".
"Levo trece anos no deporte e para min é unha honra ver como van avanzando esas compañeiras que chegaron detrás e como consiguen aquilo que vían moi díficil nun inicio", destaca e engade que o feito de representar a unha cidade e levar na camiseta ese nome que escolliches tamén supón algo importante para ela. Neste tempo tamén puido apreciar como cada vez se sigue máis entre o público, concretamente na cidade da Coruña, o Día do Deporte na rúa estarán representando o roller derby para dalo a coñecer. "Digamos que é fácil distinguir á xente que xoga a isto, temos unha estética característica, xa que está moi ligado á cultura underground, á música e naceu moi arroupado pola cultura punk". Chegado a este punto con toda esta información, a pregunta é clara, ti coñecías o roller derby? Se a resposta era un non, agora xa podes dicir que si!
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.