O Rol en Galicia: máis alá dos videoxogos, a imaxinación sen límites das historias compartidas

A pesar do auxe dos videoxogos, os xogos de rol tradicionais seguen sendo un espazo vital para a imaxinación e a interacción persoal. En Galicia, estas partidas crean lazos entre xogadores de todas as idades, promovendo a creatividade e a colaboración.

Por Elena G.Fdz | Santiago de Compostela | 15/07/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

En Galicia, os xogos de rol foron e son unha forma popular de entretemento para aqueles que buscan escapar da rutina diaria e mergullarse en mundos de fantasía e aventura. Este estilo de xogo, que se remonta a décadas atrás, caracterízase polo seu enfoque na narrativa, a improvisación e a colaboración entre xogadores e un director de xogo. Os xogadores adoitan reunirse regularmente en tendas, salóns de xogos e casas de particulares para embarcarse en emocionantes aventuras. Estes encontros ofrecen unha oportunidade para mergullarse en mundos de fantasía, explorar novos horizontes e forxar amizades duradeiras, todo mentres se comparten momentos de emoción, intriga e diversión.

Partida de rol dende o punto de vista do master
Partida de rol dende o punto de vista do master | Fonte: @oliviacannn

EN QUE CONSISTE O ROL?

 

Na súa forma máis básica, o rol tradicional implica que un grupo de xogadores asuman o papel de personaxes ficticios nun escenario de fantasía, ciencia ficción ou calquera outro xénero imaxinario. Estas personaxes, que poden ser dende valentes guerreiros ata astutos magos ou intrépidos aventureiros, embárcanse en emocionantes misións e enfrontan desafíos mentres exploran un mundo creado polo director de xogo, tamén coñecido como "master".

 

Un dos xogos de rol máis icónicos e populares é "Dragóns e Mazmorras" (Dungeons & Dragons), creado por Gary Gygax e Dave Arneson na década de 1970. Neste xogo, os xogadores asumen o papel de heroes que exploran un mundo de fantasía cheo de criaturas míticas, mazmorras perigosas e tesouros ocultos. Utilizando dados e regras establecidas, os xogadores toman decisións que afectan o curso da historia e o destino dos seus personaxes. Andrés, master novato, conta que "hai moita xente que di que necesitas ler moitos libros para comezar a crear partidas, pero a realidade é que se tes imaxinación e improvisas ben, non precisas de moito máis".  

 

Hai unha ampla variedade de xogos de rol que abarcan unha variedade de xéneros e ambientacións, dende a ciencia ficción ata o horror sobrenatural. O que todos estes xogos teñen en común é a súa énfase na imaxinación, a colaboración e a narrativa compartida, creando experiencias únicas e memorables para os xogadores. "O máis importante para xogar é desfacerse da timidez e non ter medo a experimentar cousas novas. Unha das miñas personaxes era un ficus máxico", conta rindo Andrés. 

UNHA COMUNIDADE APAIXONADA E ACTIVA

Galicia conta cunha vibrante comunidade de xogadores de rol que mantén viva esta forma de entretemento. En tendas físicas como “Astora Cómics” en Santiago de Compostela, todos os mércores reúnense para xogar a rol, ou en espazos xuvenís como “O Remanso” na Coruña, tamén atoparás xogadores todas as semanas, creando espazos de encontro para os afeccionados de todas as idades.

Minerva, xogadora habitual de rol, cóntanos como foi a súa primeira experiencia, "a primeira vez que participei nunha partida de rol foi grazas ao meu grupo de amigos. Como vivimos algo lonxe uns dos outros, adoitamos xogar mentres estamos en chamada e un día xurdiu a idea de probar a facer un oneshot (unha partida que comeza e remata no mesmo día). Tivemos a sorte de que unha do grupo tiña experiencia como master, xa que nos organizou unha partida por discord sen moito problema. Recordo que ao principio, como era a primeira vez roleando para case todos, estabamos super nerviosos, pero para o final da partida xa nos soltabamos bastante, mesmo se seguiamos tendo bastantes dúbidas do que son as normas como tal do xogo. Para resumilo, diría que foi moi divertido e as risas non faltaron, aínda que posiblemente sería incluso mellor se fose en persoa". 

A paixón polo rol en Galicia demostra que, máis alá da tecnoloxía e os videoxogos, existe un espazo para a imaxinación e a conexión humana a través das historias compartidas. Os xogos de rol continúan a ser unha ponte entre o mundo real e os mundos de fantasía, onde os soños e as aventuras non teñen límites.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta