O festival Atlántica leva a narración oral a 25 concellos galegos con 90 funcións gratuítas

Chegará ás grandes cidades, como Santiago, A Coruña, Vigo, Ourense e Ferrol.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/06/2024 | Actualizada ás 17:32

Comparte esta noticia

O festival Atlántica levará a narración oral a 25 concellos galegos, de grandes cidades a municipios do rural, con 90 funcións gratuítas de 50 artistas.

O festival, que este ano celebra a súa 12ª edición, presentouse este xoves no Concello da man da concelleira de capital cultural, Miriam Louzao; a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González; e a directora do festival, Soidade Felloza. Tamén estiveron presentes diferentes concelleiros e representantes de concellos, asociacións e colectivos colaboradores do festival.

Louzao arrincou a presentación pondo o acento sobre a capacidade do festival para "facer transcender os contos do ámbito infantil, programando actividades diversas para todos os públicos" en numerosos puntos de Santiago. Natividade González expresouse na mesma liña e encomiou o labor do festival especialmente no que a "conservación do patrimonio inmaterial" refírese, facéndoo con actividades "que non só ofrecen entretemento, senón tamén espazos para a reflexión e a aprendizaxe".

Na súa intervención, Felloza destacou que o festival presenta 90 funcións gratuítas de 45 propostas diferentes desenvolvidas por 50 artistas que actúan nas 30 sedes situadas por Galicia e Portugal. Todas elas poderán verse entre o 1 e o 7 de xullo.

Como en edicións anteriores, Atlántica chegará ás grandes cidades, como Santiago, A Coruña, Vigo, Ourense e Ferrol; pero tamén a municipios de tamaño medio como Ribeira, Vilalba e Betanzos; e localidades rurais cmo Dodro, Cuntis e Outes. Así ata sumar un total de 25 escenarios en Galicia. O cinco restantes situaranse en Portugal. "Unha capilaridade que se estende polo territorio grazas á complicidade de múltiples axentes institucionais e da sociedade civil e que fai de Atlántica un ente cultural flexible, que se adapta a públicos e espazos diversos", reivindicou.

Entre a programación prevista, destacou a montaxe inaugural 'Pisando o chairo', da Chana Teatro, e 'Blancanieves', no que todos os personaxes son lámpadas e que en 2023 fíxose co premio Max ao mellor espectáculo infantil e xuvenil.

Tamén estrean Cándido Pazó, con 'Contar para vivilo'; 'Contos de revolución. Entre Brassens e Neira Vilas', de Dani Branco; 'Contos, cantos e outros tantos', da portuguesa Ana Sofía Paiva; e 'Lendas suburbanas' de Quico Cadaval. Así mesmo, haberá cabida para historias doutros países como 'Historias de fino humor', do xaponés Yoshi Hioki, e galegas, como as do Premio Nacional Paula Carballeira.

ACTIVIDADES PARALELAS

Ademais dos espectáculos, outro dos elementos destacados e presentes no festival desde a súa primeira edición son os 'roteiros narrados'. Este ano haberá en Santiago unha ruta en bicicleta polos castros da zona e un percorrido polos petróglifos da Devesa da Rula e polo románico do rural.

Por outra banda, a directora destacou o compromiso do festival coas persoas con discapacidade auditiva, xa que programou funcións con interpretación en lingua de signos. Así mesmo, regresarán á aula de pediatría do CHUS e, como novidade para esta edición, desenvolverá unha experiencia 'silenciosa' con colectivos con TEA e TDH.

Entre o 14 e o 22 de xuño haberá un programa especial concibido para o público infantil de centros de ensino de Santiago, Brión e Pazos de Borbén. Tamén están previstas funcións na Biblioteca Ánxel Casal e no Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS).

Presentación do festival Atlántica de narración oral. JAVIER ALBOR      ESTUDO FOTOGR
Presentación do festival Atlántica de narración oral. JAVIER ALBOR ESTUDO FOTOGR | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta