Igualdade na financiación autonómica, "Galicia non quere ser máis, pero tampouco menos que ninguén"

O conselleiro de Facenda e Administración Pública insistiu na necesidade dunha negociación "multilateral" na que as comunidades autonómicas participen en "igualdade".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/06/2024 | Actualizada ás 17:17

Comparte esta noticia

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, restou importancia este venres ás palabras da vicepresidenta primeira e ministra de Facenda, María Jesús Montero, as cales situou no ámbito das declaracións "máis ou menos pintorescas", e insistiu na necesidade dunha negociación "multilateral" na que as comunidades autonómicas participen en "igualdade". Así o sinalou Corgos tras ser preguntado polos medios de comunicación despois de que Montero considerase este pasado xoves que as "cuestións singulares" que teñen algunhas comunidades autónomas como Cataluña "teñen que ter un tratamento especial" en materia de financiamento autonómico.

"Son unhas declaracións non sei moi ben en que contexto e non lles dou importancia", dixo, insistindo na necesidade dunha convocatoria "seria" do Consello de Política Fiscal e Financeira para falar do financiamento das autonomías españolas. Para el, o actual financiamento "non é suficiente" para o gasto que teñen que asumir as comunidades á hora de pagar os servizos públicos que lles competen. Por iso, ao seu xuízo, é necesario unha repartición "equitativa" entre todas as rexións "en función dos custos da prestación dos servizos en cada territorio".

"Teño moi claro o que queremos para Galicia. Levamos moitos anos defendendo o noso modelo de financiamento ideal, o que queremos e loitaremos por defender os intereses da Comunidade. Non queremos ser máis que ninguén, pero non aceptaremos ser menos que ninguén", engadiu en declaracións aos medios de comunicación.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, Miguel Corgos.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, Miguel Corgos. | Fonte: Carlos Luján - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta