Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 16/06/2024 | Actualizada ás 13:01
Os deputados o PPdeG no Congreso rexistraron unha proposición non de lei e unha batería de preguntas ao Goberno co obxectivo de "previr o illamento" tecnolóxico no rural galego mediante o despregamento da banda ancha nestas zonas. Nun comunicado explicaron que, con iso, fanse " eco" das consecuencias e do prexuízo que xeraría o peche das centrais de cobre (ADSL) previsto para o ano 2025 ante a actual falta de acceso á fibra óptica en moitos pequenos concellos de Galicia.
Os populares cifraron en máis de 104.100 as familias galegas que verían afectada a súa conectividade pola decisión de Goberno central de "substituír o ADSL por un sistema de fibra óptica" que, "a pesar de ser máis preciso e eficiente", aínda non se atopa dispoñible en moitos lugares.
O rural galego, "xa marxinado en termos de conectividade", enfrontaríase así a un "illamento aínda maior" que prexudicaría non só á calidade de vida dos seus habitantes, senón tamén ao desenvolvemento económico, a igualdade de oportunidades, a cohesión social e a vertebración territorial da comunidade.
Por iso, os parlamentarios galegos do PP no Congreso urxen ao Goberno a "tomar medidas inmediatas" para garantir que todos os cidadáns, independentemente da súa localización xeográfica ou do seu lugar de residencia, teñan acceso a unha conexión de internet rápida e fiable.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.