Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 20/06/2024 | Actualizada ás 14:30
Os temporais traen a terra todo o lixo que hai no mar e que chegou a el polas malas praxes do ser humano, na súa maioría. Pero os temporais do mes de maio deixaron na parroquia de Carril, no concello de Vilagarcía de Arousa, algo máis que os residuos plásticos e os restos de artes de pesca habituais. Deixaron tamén o poste dun pantalán de grandes dimensións: uns 5 metros de poliéster recheo de cortiza. Algo de tal tamaño dende logo non pasou desapercibido para os veciños da zona, aínda que parece que si para as administracións, pois a pesares da presión feita pola asociación Limpia Arousa (@limpiarousa) para tratar de incitar á súa recollida, un mes despois alí segue. Dende o Galicia Confidencial falamos con Lili, da asociación, que nos conta os seus esforzos infrutuosos.
"As tres mozas que conformamos Limpia Arousa somos recolledoras de lixo habitual", conta Lili, que asegura que a praia na que apareceu o poste do pantalán é "un pequeno areal situado fronte a illa de Cortegada á que eu baixo cos cans a miúdo, porque queda preto da miña casa". Foi o día 4 de maio, un sábado, cando Lili se atopou con esta infraestrutura na costa: "Un pedazo de poste de case 5 metros que é contaminante, composto por poliéster e cortiza". Dende esa, non parou de pedir axuda a destro e sinistro:
Lili asegura que "todas as veces que chamei pedinlle a todas as administracións que se implicasen máis no asunto aínda que este non fose competencia delas, porque tiñan máis contactos e máis lóxica que fosen elas as que se preocupasen de resolver o asunto que eu, unha cidadá que ten que andar chamando de teléfono en teléfono para solucionar o problema". "Se é un poste dun porto eu entendo que Portos do Estado ou Portos de Galicia terían que facerse cargo del, porque non é un tronco que veu do monte, é un anaco dun pantalán que aínda que non teña o nome escrito ten como propietario a Portos", reivindica.
Con todo, non semella que o problema se vaia solucionar pronto: "Así levamos máis de 45 días". E é que, "aínda que quixésemos, non é algo que poidamos retirar os voluntarios, primeiro polo propio volume que ten, e segundo, porque creo que é algo que nin sequera se pode facer por terra, senón que a única forma de quitalo vai ser remolcalo polo mar". Ademais, tamén destaca que "o problema xa non só é retiralo, senón ubicalo logo, porque dá igual que vaiamos 30 voluntarios sacalo de aí se non sabemos logo que facer con el".
Así as cousas, Lili atópase moi preocupada porque é consciente de que "o tempo xoga na nosa contra, pois iso é poliéster por fóra e corcho por dentro", "agora que malla o sol xa se está cuarteando" e "está xusto enfronte da Illa de Cortegada, que pertence ao Parque Nacional das Illas Atlánticas". Ademais, afirma que "o colmo dos colmos é que aínda por enriba atópase en zona de marisqueo e está xusto debaixo da delegación de Mar que ten a Xunta de Galicia aquí en Carril". Lili lamenta que "todos os días vexo pasar xente que vai mariscar e como que xa dá por feito que ese poste está aí e que vai morrer aí, pero eu négome a tirar a toalla: teñen que retiralo antes de que remate de soltar corcho á ría e o mal sexa maior".
Ademais de esta loita, dende Limpia Arousa tamén teñen outra fronte aberta: "Hai unha fábrica abandonada na que se levan a cabo verteduras incontroladas de escombros" e "pegadas a esta fábrica hai unhas embarcacións abandonadas dende fai moito tempo, polo menos seis anos, nas que moita xente bota lixo, empregándoas como contedor". E é que para Lili unha cousa está clara: "Onde a xente ve merda, bota máis merda". "O asunto está totalmente descontrolado, hai xente que vén con furgonetas ao mar e baleira nel o escombro", asegura. A asociación de veciños fixo un escrito e presentouno ao Concello de Vilagarcía, no que tamén pedía precisamente a retirada do poste, pero "disto fai máis dunha semana e nada".
Ver esta publicación en Instagram
¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- Restos de pélets volven a aparecer en máis de 20 praias de Galicia
- Unións Agrarias reclama máis firmeza á Xunta para actuar contra o xabaril e expón gaiolas grandes
- A Xunta declara que "hai un dereito mineiro concedido" en Montefurado aínda que haberá sancións por incumprimentos
- A liña de alta tensión entre Cabana e Cerceda recibe seis informes negativos
- Actualizan a demarcación contra o nematodo do piñeiro das Neves e as medidas de freo en Ourense e Pontevedra
- Transición Ecolóxica non ve urxente revisar o estado de protección do lobo