Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 29/06/2024 | Actualizada ás 14:00
A saúde mental é fundamental para a saúde en xeral, xa que pode influír en moitas patoloxías que se manifestan a nivel clínico, xa sexa de xeito positivo ou negativo. No campo da dermatoloxía hai moitas enfermidades que se manifestan externamente, deixando nos pacientes sinais moi evidentes que rematan por crearlles certos complexos estéticos. É por iso que dun tempo a esta parte no ámbito da enfermaría xurdiu un novo servizo: a maquillaxe terapéutica. Dende o Galicia Confidencial falamos coa enfermeira Isabel María Pérez Conde, que exerce no Hospital Universitario La Paz de Madrid e que forma parte da Asociación Nacional de Enfermaría Dermatolóxica e Investigación do Deterioro da Integridade Cutánea (ANEDIDIC), que nos conta máis en fondura os beneficios desta técnica.
Como explica, a maquillaxe terapéutica "consiste en aplicar maquillaxe a un paciente que, de algunha maneira, ve mermada a súa calidade de vida porque ten unha lesión cutánea visible, o cal lle produce un desconforto psicolóxico ou lle crea un complexo". Esta ferramenta, como conta Pérez Conde, é usada por persoal sanitario formado, concretamente polas enfermeiras especializadas na súa realización, para "minimizar o impacto físico que producen as lesións empregando cosméticos", co obxectivo de "que o paciente gañe seguridade e saúde mental". Trátase de produtos, ademais, que "son moi ben tolerados pola pel e que non teñen ningún impacto secundario grave". Úsanse a modo de corrector sobre a zona danada.
Que pacientes poden beneficiarse desta técnica? Pois os afectados por moi diversas enfermidades da pel: nevus de Ota, caraterizado pola aparición de manchas marróns, azuis ou grises na pel que rodea ao ollo ou preto deste; vitiligo, que causa a perda de cor da pel en manchas deixando áreas decoloridas que se agrandan co tempo; anxiomas cutáneos, malformacións benignas nos vasos linfáticos que poden desenvolver chagas; contusións, que causan manchas de cor violácea; prúrigo, enfermidade na que se forman lesións elevadas como ronchas duras e que pican; queimaduras; acné adolescente, "que provoca moitas inseguridades nunha etapa que é moi delicada"; e mesmo alopecias areatas, que causan a perda de cabelo nas cellas. A enfermeira asegura que "mesmo nos atrevemos a maquillar a pacientes con epidermólisis bullosa, pel de Mariposa, aínda tendo unha pel tan delicada".
"EU PORÍA ESTA TÉCNICA EN TODAS AS CONSULTAS DE DERMATOLOXÍA E A MEDIDA QUE AUMENTE A DEMANDA HABERÍA QUE AUMENTAR OS PROFESIONAIS"
A día de hoxe, o sistema sanitario público xa conta con enfermeiras especializadas na realización desta técnica. Pero como aínda é moi descoñecida, non son todas as que se precisaría. "Considero que é preciso que esta oferta se estenda, eu poríaa en todas as consultas de dermatoloxía", reivindica Pérez Conde, que asegura que, pola súa propia experiencia, "os pacientes saen moi satisfeitos da consulta". Así, pide que se aumente o persoal, porque "os sanitarios ás veces son tan insuficientes que hai que priorizar a administración dun fármaco ou unha cura de feridas, loxicamente, sobre esta maquillaxe terapéutica". "O ideal sería ter tempo para citar a dous ou tres pacientes ao día e poder ofrecerlles esta ferramenta", considera.
No seu caso leva 5 anos realizando esta técnica e recoñece que "tampouco se promociona moito". O que acontece é que "cando ti en consulta ves unha lesión que é moi chamativa ou cando o médico ve que hai unha lesión que ao paciente lle está xerando un grande impacto psicolóxico, derívasenos ás enfermeiras especializadas", pero "a verdade é que non é algo que se oferte na carteira de servizos como tal". Nestes cinco anos atendería a non máis de 20 pacientes, polo que cre que "conviría promocionar máis o servizo, para que os pacientes saiban que teñen esta alternativa". E, cando a demanda aumente, "a oferta debería aumentar acorde, para adaptarse ao ratio de enfermeira por paciente". E é que esta técnica leva moito tempo, "facilmente unha hora por paciente".
A enfermeira cóntanos o caso dunha rapaza adolescente que tiña un prurigo nas pernas. "Tiña unhas cicatrices moi acusadas, dunha cor violácea moi intensa e moi socavadas", explica. "Esta rapaza nunca se poñía falda para non ensinalas, sempre ía con pantalóns" e, cando se lle aplicou a maquillaxe, "o poder ir a un evento con falda ou usala durante o verán sen complexos foi marabilloso". De feito, Pérez Conde lembra que "tanto os pais como a nena aseguraron que a diferenza fora tremenda, que puideron ver como a súa filla se atrevía a poñerse falda, algo que non se puxera nunca na vida".
"USAMOS O PRINCIPIO DE OPOSICIÓN DE CORES DO CÍRCULO CROMÁTICO PARA CONTRARRESTAR AS MANCHAS QUE QUEREMOS CUBRIR"
Ademais, hai que ter en conta que a maquillaxe terapéutica non é maquillaxe especial como tal, senón que pode ser usada por calquera persoa aínda que non presente patoloxías cutáneas, porque se atopa á venda libre. A enfermeira explica que "é unha maquillaxe hipoalerxénica e adáptase moi ben á pel, sendo moi tolerable, pero non é algo específico para este uso como pode ser a maquillaxe que se emprega no teatro". E como se aplica? Pois Pérez Conde indica que "usamos o principio de oposición de cores do círculo cromático, para contrarrestar as manchas que queremos cubrir, imos á cor oposta á da mancha que queremos cubrir". Así, "se tes unha lesión con tons violáceos contrarrestámola con tons amarelos; se é vermella ou marrón pois usamos tons verdes...".
Aínda que a técnica nun primeiro momento se realiza en consulta, o obxectivo é ensinarlle aos pacientes como poden realizar logo a cobertura na casa. "Na consulta faise unha proba de cor, porque contamos cun mostrario grande con diferentes tonalidades e, igual que faría un maquillador profesional, miramos a cor que lle pode ir ben a cada pel, o oposto ao da mancha a cubrir", explica a enfermeira, que engade que "logo xa recomendas ao paciente o número de base empregado por se o quere comprar e aplicala na casa". Pérez Conde formouse con maquilladores profesionais en cursos dos laboratorios Avène e La Roche-Possay e asegura que, a día de hoxe, son as propias empresas de maquillaxe as que che ofertan os cursos.
Na súa opinión, estes cursos deberían poder incluírse tamén na formación nas universidades, porque a maquillaxe terapéutica "devólvelles a vida e a ilusión ás pacientes". Ademais, lembra que é algo que "xa non só se fai na sanidade privada, senón que cada vez máis forma parte das carteiras de servizos de hospitais públicos". E é que "a saúde mental éo todo, a saúde mental cura e prevén enfermidades", conclúe Pérez Conde, que asegura que "no sistema inmunolóxico ten unha compoñente de prevención moi importante a saúde mental".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.