Galicia á avangarda no estudo do cancro de pulmón; cando hai datos de supervivencia a cinco anos

Resultados esperanzadores contra o cancro de pulmón grazas a un estudo onde participan dous centros galegos. O estudo revela que novos métodos e novos tratamentos inciden de maneira positiva en tumores de pulmón non operables.

Por Moncho Mariño | Santiago | 27/06/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Os tratamentos contra o cancro de pulmón están centrándose cada vez máis en posibles mutacións xenéticas capaces de desenvolvelos. Diferentes estudos están demostrando que tratamentos sobre a mutación de xenes específicos permiten estender a esperanza de vida en persoas afectadas por tumores torácicos. Desta maneira, no último congreso da American Society of Clinical Oncology (ASCO) celebrado en Chicago (EE UU) presentouse o estudo Impower010 onde participaron vinte e un centros de investigación en oncoloxía. Este estudo demostrou que unha serie de pacientes receptores dunha nova inmunoterapia fronte a unha terapia estándar, pasados cinco anos oito de cada dez receptores están vivos e dous de cada tres non teñen recaída na doenza. Este é o primeiro estudo que ofrece datos de supervivencia a cinco anos en tumores de pulmón.

Centro Oncolóxico de Galicia
Centro Oncolóxico de Galicia | Fonte: Páxinas Galegas

ESTUDOS
Existen tres estudos realizados sobre un tipo concreto de cancro de pulmón non metastásico e localizado, o problema é que estes tumores non son operables. Desta maneira desenvolvéronse tratamentos para combatelos. “Un destes tipos de cancro é o que presenta unha mutación sobre o xén EGFR, mutación xa coñecida” di o doutor Sergio Vázquez, xefe de servizo no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) quen tamén aclara: “nunca houbera beneficios sobre un cancro non operable”.

Sobre este tipo de cancro desenvolveuse o estudo LAURA sobre o xen EGFR en tumores non rescables. O estudo demostrou que “logo dun tratamento estándar con quimioterapia e radioterapia en pacientes coa mutación mencionada, aplicóuselles o medicamento Osimertinib que é un inhibidor do xen mencionado” di Vázquez. Os índices de supervivencia son do 74% fronte ao 22% que recibiron placebo e “un 65% non tivo recaída en dous anos”.

O segundo estudo é o Adriatic onde se aplica o medicamento durvalumab cuxos resultados foron moi positivos tanto en supervivencia global como en supervivencia libre de progresión en pacientes con cáncer de pulmón en células pequenas (CPCP). “Nun período de tres anos o 57% das persoas que recibiron o tratamento con este medicamento máis quimioterapia e radio terapia non viron progresar o tumor” describe Vázquez.

O último estudo é o Crown onde se aplicou o lorlatinib “que prolongou a cinco anos a falta de progreso no tumor nun 57% das persoas tratadas”. Con anterioridade, o tratamento tradicional ofrecía un período medio de nove meses sen progresión fronte aos 52 de media co novo medicamento”.

Arquivo - Investigador do CSIC no laboratorio. CSIC - Arquivo
Arquivo - Investigador do CSIC no laboratorio. CSIC - Arquivo

NECESIDADE DE CRIBADOS

Algúns destes cancros de pulmón son máis frecuentes en mulleres (sobre todo o do xen EGFR) e con especial incidencia en aquelas que comezaron a fumar tarde. Debido a isto, sería moi necesario un cribado na poboación. “O 75% das persoas con cancro de pulmón son diagnosticadas coa enfermidade xa avanzada e non é operable” di a oncóloga do HULA, Begoña Campos. “O ideal sería aplicar un tratamento antimetastásico nos momentos iniciais” di Campos.

Porén, os tratamentos apuntados anteriormente e presentados no congreso de Chicago ofrecen “un gran paso fronte aos tratamentos anteriores que tiñan moitas recaídas”. Aínda así, o ideal sería a aplicación de cribados na sociedade para a detección temperá de cancro de pulmón. “Para iso sería necesario aplicar TACs, mais estes procedementos irradian polo que deberían ser aplicados cunha intensidade de radiación moi baixa” describe Begoña Campos quen ademais lembra: “falta material e falta persoal especializado para levar adiante estes cribados”.

Por último, sinala tamén a necesidade de “desenvolver marcadores para as mutacións” que dean como resultado un cancro de pulmón. As mutacións xenéticas, ademais, varían segundo a poboación onde se desenvolven podendo ter unha afectación, por exemplo, do 15% entre os e as habitantes de Europa e dun 30% en Asia.

Desta maneira, dous centros galegos están dentro dun grupo de vinte e un cuxos esforzos e estudos sobre o cancro non operable xa deron os seus primeiros resultados. Novas medicacións que se suman aos tratamentos tradicionais para rebaixar a pegada dos tumores de pulmón non operables.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta