Por Galicia Confidencial | Ourense | 16/11/2015 | Actualizada ás 10:35
A simulación do comportamento dun fluído é fundamental para infinidade de cousas: para prever o impacto do incremento do nivel do mar na costa, para estimar se unha planta petrolífera pode soportar un temporal, para analizar se unha inundación por treboada afectaría a unha estrada... E, niso, é punteiro un equipo de investigación da Universidade de Vigo.
E é que o traballo do grupo Ephyslab, Environmental Physics Laboratory tense convertido nun referente internacional co desenvolvemento de DualSPHysics. Este programa permite, aproveitando unha tecnoloxía desenvolvida pola industria dos videoxogos, facer as maiores simulacións de fluídos, como grandes masas de auga, cunha precisión moi elevada, podendo ver o seu comportamento centímetro a centímetro.
En países como Indonesia, India e Corea do Sur estase a empregar este sistema para analizar o impacto de posibles tsunamis e outros fenómenos extremos; en Bélxica para a contención de diques; e entidades públicas ou privadas como Mercedes, Shell e a Nasa o teñen empregado nalgún proxecto. O motivo está no seu alto rendemento nun tempo de cálculo razoable, de horas, e con medios de computación accesibles.
Segundo explican os seus promotores, a primeira liberación de código de DualSPHysics produciuse en 2010 e na actualidade está dispoñible para a súa descarga de balde a terceira versión do modelo, que ao longo deste tempo foi mellorando co traballo investigador dos grupos implicados e cos desenvolvementos feitos a petición de empresas e entidades. Superadas xa as 25.000 descargas, na actualidade traballan no proxecto un grupo de sete persoas de Ephyslab, lideradas desde o campus de Ourense por Moncho Gómez Gesteira, e un grupo de cinco persoas, coordinadas por Benedict Rogers, da Universidade de Manchester, en Reino Unido, concretamente da Escola de Enxeñaría Mecánica, Civil e Aeroespacial, estando como colaboradoras universidades como a de Gent, Parma, Lisboa e a Politécnica de Cataluña.
Froito dos últimos avances realizados no modelo, o investigador de Ephyslab Anxo Barreiro presentou recentemente no campus de Ourense a súa tese de doutoramento, centrada no secor da enxeñaría civil e de costas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.