Nace unha gran marea veciñal na provincia de Ourense

O seu obxectivo é “explorar novos vieiros de participación política perante o despotismo que practica un organismo sen mandato directo da cidadanía como é a deputación”.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 15/11/2015 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Nace unha nova marea na provincia de Ourense e o seu obxectivo é “explorar camiños de participación” ante o “despotismo” de institucións como a Deputación de Ourense. O seu nome é Rede de candidaturas veciñais de Ourense e xorde da unión de distintas iniciativas electorais de nova implantación, nadas no proceso das derradeiras eleccións municipais na provincia de Ourense. 

Miguel Doval, de Ourense en Común
Miguel Doval, de Ourense en Común | Fonte: radioourense.com

“Colectivos veciñais con e sen participación de persoas organizadas politicamente pero con rotunda vocación apartidaria, neófitos na política institucional. Forzas políticas emerxentes que beben do espírito das mareas das grandes cidades e coa vocación de que as veciñas e veciños participen activamente na política municipal e de xeito asembleario”, apunta este novo grupo nun comunicado.

A Rede ten carácter aberto tanto para as forzas existentes “como para a que aínda deben xurdir”. Nace, din os seus promotores, inicialmente, como ferramenta de coordinación, organización e apoio mutuo, “en contraposición a falla de control da política municipal por parte das veciñas e veciños”. “Precisamos desta ferramenta de exploración de novos vieiros de participación política perante o despotismo que practica un organismo sen mandato directo da cidadanía como é a deputación, especialmente na nosa provincia”, engaden.

Este é o seu texto fundacional:

Texto Fundacional:

Definición/Obxecto

A Rede de Candidaturas Veciñais de Ourense é unha iniciativa de colaboración e intercambio entre diferentes candidaturas municipais, con representantes electos e non electos, xurdidas no marco das eleccións celebradas o 24 de maio de 2015. Ten por obxecto xerar e compartir ferramentas e metodoloxía que faciliten e melloren a acción política levada a cabo polas candidaturas que a integren.

Membros

A rede está fundada por AGRELSAN (Sandiás), Ribeiro en común (Ribadavia), Cambio Intelixente (Punxín), SON de Trives, Veciños de Piñor, Son do Pereiro de Aguiar, Ourense en común, Veciños de Monterrei, Anova – SON de Manzaneda, Agrupación de Electoras Xuntos por Lobeira, Candidatura Veciñal de Taboadela, Agrupación Independente de Leiro, Fai o Irixio, Alternativa Veciñal do Carballiño, Alternativa por Beariz, Anova – SON de Toén

 e nela poderán participar todas aquelas candidaturas xurdidas de procesos de confluencia política local, coalicións ou agrupacións de electores, que manifesten a súa vontade de facelo, a través dos mecanismos que se establezan ao efecto.

Finalidade /Metodoloxía

A rede, e as candidaturas que a integran, impulsará políticas públicas que procuren a xustiza social que garanta a vida digna das persoas, a equidade de xénero, unha economía xusta e sustentable e a defensa dun proceso de renovación democrática asentado nos principios de participación veciñal e transparencia absoluta.

A rede funciona baixo unha lóxica de cooperación intermunicipal e socialización de experiencias que permita aos seus membros desenvolver e aplicar accións políticas no ámbito institucional cara á procura do ben común das veciñas e veciños dos seus concellos.

Asemade a rede actuará como ferramenta analítica, de avaliación e contacto dos diferentes concellos integrados na mesma. Dando deste modo cobertura supramunicipal nunha realidade territorial provincial para conquerir unha maior eficacia na xestión e no aproveitamento dos recursos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Eu mesmo

Dos autorores do film "se non gañamos as primarias, facemos outras", chega a serie "marea de Ourense", algo así como "nevando en Copacabana"