Nesta web utilizamos cookies propias e de terceiros para prestar os nosos servizos, contabilizar as visitas, mostrarlle publicidade relacionada coas súas preferencias e integrarnos con varias redes sociais. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode consultar a nosa información detallada.
Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 15/11/2015 | Actualizada ás 17:02
Unhas dúas mil persoas, aproximadamente, secundaron esta mañá a convocataria dos mariñeiros e armadores do cerco. A manifestación organizada pola patronal de armadores ACERGA marchou polas rúas do centro de Santiago sen incidentes tras unha pancarta, portada por nenos, na que se reclamaba "un reparto xusto de cuotas de pesca para todos".
A marcha finalizou diante de San Caetano, sede do Goberno Galego. Os mariñeiros manteñen unha acampada diante do principal edificio da Xunta de Galicia dende hai case un mes, en demanda dun novo reparto das cuotas de pesca.
O voceiro de ACERGA, Juan José Blanco, acusou a Xunta e ao Goberno do Estado de permitir que haxa mariñeiros de primeira e segunda. Blanco tamén indicou que a Conselleira do Mar, Rosa Quintana, está intentado dividir ao sector.
ACERGA reúne a uns 120 barcos, cando ao cerco andan aproximádamente 160 pesqueiros con base en Galicia. Esta semana constituise outra organización de cerqueiros, Asociación de Cerqueiros Galegos, que ACERGA cre que é unha "asociación de ricos onde os pobres non teñen cabida".
O certo é que ACERGA logrou xuntar este domingo a case todas as forzas da oposición. En Compostela contaron coa compañía de destacados dirixentes de PSOE, AGE e Bloque.
Por AGE acudiron o deputado Antón Sánchez e a europarlamentaria Lida Senra. A ex-sindicalista argumentou en declaracións aos medios que o reparto de cuota perxudica aos barcos galegos, malia que levan tempo reducindo a súa cuota para non perxudicar ao recurso.
Polo PSOE estiveron José Ramón Val e Pablo García; deputados no Parlamento de Galicia. Val lembrou que os buques do país levan máis dun mes amarrados polo reparto de cuotas mentres noutras autonomías seguen a pescar.
O BNG enviou a súa primeira liña de representantes. Estivo a eurodeputada Ana Miranda e tamén o voceiro nacional, Xavier Vence, ademais do alcalde de Bueu, Félix Junca, da fronte nacionalista.
Tamén acudiu Carlos Callón, cabeza de cartel de NOS Candidatura Galega pola Coruña, a plataforma na que colabora o Bloque para as xerais. Callón considera que os pesqueiros do país están a ser descriminados debido a que Galicia non está a facer a mesma presión que outras autonomías a nivel político.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.