Maior peso da ultradereita nas institucións da UE

Os recentes comicios ao Parlamento europeo pechan o circuíto electoral que comezou ao remate do mes de Maio de 2023 coa cita relativa aos concellos e aos Parlamentos dalgunhas CC.AA. e que transitou por diversas "estacións" relevantes (Cortes Xerais do Estado e Cámaras lexislativas de Galiza, Euskadi e Cataluña). Neste momento non sabemos se existirá unha engádega no vindeiro outono por mor dunha eventual repetición da consulta ao Parlamento catalán.

Por Xesús Veiga | Compostela | 25/06/2024

Comparte esta noticia
O sucedido neste 9 de Xuño admite tres dimensións analíticas en función do marco territorial que se utilice como referencia: o impacto dos resultados nos distintos Estados da UE sobre a dinámica da propia construción da alianza comunitaria; as consecuencias que se poden derivar para a situación política estatal e o alcance dos cambios rexistrados no mapa político galego.
 
A cuestión mais relevante destas eleccións europeas é, sen dúbida, o medre das formacións de orientación fascista ou neonazi. Existían inqueritos que anunciaban esta posibilidade que foi confirmada nas urnas. Especialmente grave é a constatación de que en Italia, Francia e Austria, os partidos da ultradereita ocuparon o primeiro posto nas preferencias dos votantes e que en Alemaña os que xustifican ás SS do réxime de Hitler obtiveron a segundo posto nos resultados do pasado domingo (sendo a forza mais votada nos Estados da vella RDA). Aínda que é certo que o número de eurodeputados acadados polos partidos de ultradereita non altera as maiorías aritméticas que até agora desfrutaron da hexemonía no Parlamento europeo (Partido Popular, Socialdemócratas e Liberais), o resultado rexistrado alimenta seriamente as dúbidas sobre o modelo futuro da construción da UE. Moito mais se temos en conta que en Italia xa está gobernando Meloni, que nos Países Baixos vai existir un executivo de orientación ultradereitista e que no vindeiro mes de Xullo poderiamos asistir ao nacemento -por primeira vez dende o remate da II Guerra Mundial- dun goberno francés presidido polo candidato do partido de Marine Le Pen. Esta acumulación de forzas abertamente fascistas no espazo parlamentario e na arquitectura institucional onde se toman as decisións mais relevantes no club comunitario, muda substantivamente o campo de xogo que tiñan establecido, dende hai moitas décadas, as dúas grandes familias políticas do occidente europeo (dereita conservadora tradicional e partidos socialdemócratas) e que condicionaron as dinámicas internas dos sucesivos Estados membros da Unión.
 
No ámbito do Estado español, a recente campaña electoral tivo un déficit evidente no esixíbel debate público a respecto dos modelos e das propostas referidas á construción do que hoxe é a UE e padeceu un esaxerado tratamento das cuestións conxunturais presentes na vida política española. Esta circunstancia foi atribuíbel, primordialmente, á obsesiva pretensión de Feijoo de converter calquera cita coas urnas nun plebiscito sobre Pedro Sánchez e a súa eventual continuidade na Moncloa. A pesar de que a suma das tres dereitas (PP, Vox e SAF) obtiveron 31 escanos fronte aos 30 que sumaron as forzas que apoiaron a investidura do actual presidente do goberno do Estado, Alberto Núñez non conseguiu o obxectivo que buscaba e non foi quen de xestionar a evidente contradición de apoiar o achegamento do partido de Meloni ao universo do PPE e ao mesmo tempo reclamar -por supostas razóns de maior utilidade- o apoio dos votantes de Vox.
 
As novidades principais dos resultados estatais do pasado día 9 foron dúas. Unha: a constatación de que o espazo situado á esquerda do PSOE (o que, hai 4 anos, conformaba Unidas Podemos) presenta síntomas evidentes de división e de prácticas autodestrutivas que poden erosionar seriamente as posibilidades dunha futura reedición da actual maioría parlamentar no Congreso. Outra: a aparición, no territorio da ultradereita, dunha nova sigla (SAF) que é algo así como a versión celtibérica dalgunhas das esencias mais destacadas do "modus operandi" trumpista. Veremos se este fenómeno ten continuidade nas vindeiras eleccións xerais e afecta ao reparto dos escanos nas circunscricións provinciais.
 
No escenario galego, certificouse a prolongada persistencia do chamado voto dual: aquelas persoas que votan ao BNG nos comicios ao Parlamento do Hórreo -e tamén nos que se desenvolven no eido municipal- e que mudan o seu apoio cando se trata de elixir representantes en Madrid ou en Bruxelas. O pouco tempo transcorrido dende a cita do 18 de Febreiro (cando as candidaturas nacionalistas encabezadas por Ana Pontón acadaron o mellor resultado da historia en número de escanos e porcentaxe de votos) representaba un bo test para medir a consistencia dese comportamento electoral. A conclusión está servida: a pesar dun contexto teoricamente moi favorábel, o BNG non foi quen de superar o teito acadado no ano 1999 (335.000 votos, o 22% do total galego) cando Camilo Nogueira encabezou unha candidatura en solitario, sen alianzas con forzas vascas e catalás. En calquera caso, a continuidade da presenza de Ana Miranda na institución parlamentaria é un sinal inequívoco da fortaleza da organización nacionalista.
 
O PSdG recuperou unha segunda posición no ranking que non asegura a resolución dos importantes problemas que afectan ao partido presidido por Besteiro. E, no caso do PPdG, a confirmación da súa acreditada fortaleza nas urnas presenta un contrapunto relevante: nas dúas últimas citas electorais -nas galegas e nas europeas- o partido de Rueda foi desprazado, no concello de Vigo, primeiro polo BNG e e despois polo PSdG. Na cidade  mais poboada da Galiza, o PP ten un grande "burato negro".
 

Abascal, Marie Le pen e Meloni, líderes da ultradereita en Europa
Abascal, Marie Le pen e Meloni, líderes da ultradereita en Europa | Fonte: EP-20MIN-EFE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.